O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse co novo presidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave), Juan Manuel Loureiro
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse co novo presidente da Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave), Juan Manuel Loureiro -presidente da Federación Veciñal Castelao de Pontevedra- a quen lle trasladou o compromiso da Xunta con estes colectivos a través de diferentes canles de apoio. Nesta liña, no encontro avanzouse na sinatura dun novo convenio coa entidade, de cara á súa futura materialización.
A medida súmase ao Plan específico de acción comunitaria, á principal vía de colaboración da Xunta co asociacionismo local, destinada a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais. Esta liña de axudas, que neste exercicio incrementou o orzamento ata os catro millóns de euros, beneficia en 2025 a 391 entidades, case un cento máis que no pasado exercicio, cando foron 300. Medra tamén o número de proxectos impulsados, con 454 actuacións fronte ás 341 de 2024.
Na xuntanza, Diego Calvo incidiu na importancia do asociacionismo veciñal, como instrumento de dinamización social e cultural no eido local. Ademais, segundo sinalou, a súa actividade repercute no benestar da veciñanza, como colectivos máis próximos para atender e canalizar as súas demandas.
Nesta liña, Cogave ten como un dos seus obxectivos primordiais dinamizar o movemento veciñal de Galicia, dando os servizos que as federacións confederadas demandan para garantir o mellor funcionamento e as melloras necesarias para o desenvolvemento óptimo na comunidade, o que redunda dun xeito directo en cada unha das persoas que a conforman.