-O ámbito territorial deste GALP abrangue os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo
-Na convocatoria de 2025 esta entidade aprobou 14 proxectos cun importe de axudas concedidas de case 1 millón de euros e cun volume total de investimento que supera os 2,6 millóns de euros
A delegada da Xunta, Belén do Campo, mantivo unha reunión de traballo co xerente do mantivo unha reunión de traballo co xerente do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Costa da Morte, Guillermo González, na que analizaron a situación actual do grupo e fixeron balance das últimas convocatorias de axudas destinadas ao desenvolvemento local e ao sector pesqueiro. No encontro, Belén do Campo estivo acompañada pola directora territorial da Consellería do Mar, María José Cancelo.
O GALP Costa da Morte abrangue os concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, A Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso e Vimianzo, e está integrado por un total de 51 entidades sociais, das cales o 41,18 % pertencen ao sector social, o 21,57 % ao sector pesqueiro, o 19,61 % ao sector económico e o 17,65 % ao sector público, o que reflicte o carácter participativo e representativo deste grupo.
No encontro realizouse tamén balance da convocatoria de axudas aprobada no ano 2025 para proxectos vinculados ao desenvolvemento local e ao sector pesqueiro, cofinanciada pola Consellería do Mar e polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Concretamente, o ano pasado esta entidade apoio nestes municipios 14 proxectos cun importe de axudas de preto dun millón de euros que movilizaron uns investimentos totais de máis de 2,6 millóns de euros.
Novas convocatorias de axudas
Belén do Campo informou ademais de que a Xunta, a través da Consellería do Mar, xa ten publicadas dúas novas convocatorias de axudas para proxectos ao abeiro das Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) dos GALP, dotadas cun total de 7.750.000 euros. Trátase de apoios de carácter plurianual, cofinanciados pola Consellería do Mar e polo FEMPA, dirixidos aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro que concorran de maneira individual ou conxunta. O prazo de solicitude permanece aberto ata o 16 de marzo.
A primeira das ordes conta cun orzamento de 6,9 millóns de euros e corresponde á cuarta edición desta convocatoria. Segundo destacou a delegada da Xunta, estas axudas contribúen a promover unha economía azul sostible nas zonas costeiras, fomentando o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas, a mellora das condicións laborais, a creación de emprego, o impulso da innovación, así como a valorización do patrimonio cultural e medioambiental.
A segunda orde, destinada a proxectos de cooperación interterritorial e transnacional dos GALP, dispón dun orzamento de 850.000 euros e corresponde á segunda convocatoria de carácter bianual, para iniciativas que se desenvolverán nos anos 2026 e 2027.
Neste contexto, Belén do Campo animou ás entidades, empresas e colectivos do GALP Costa da Morte a presentar proxectos e aproveitar estas liñas de financiamento, que supoñen unha oportunidade clave para seguir impulsando o desenvolvemento económico, social e pesqueiro do territorio.
Durante a reunión abordouse tamén a renovación da xunta directiva do GALP, realizada o pasado mes de novembro, no marco dunha asemblea extraordinaria. Tras as votacións sectoriais correspondentes aos ámbitos pesqueiro, social e empresarial, procedeuse á elección dos cargos de representación e administración. A presidencia continúa a recaer nun representante da Cofradía de Pescadores de Caión, mentres que a vicepresidencia é asumida polo Concello de Malpica. Pola súa banda, a Secretaría e a Tesourería seguen sendo desempeñadas pola Cofradía de Camariñas e pola Asociación de Mariscadoras do Río Anllóns, respectivamente. A entidade conta ademais con 18 entidades vocais, nas que están representados pósitos locais, colectivos de redeiras, empresarios e comerciantes, entidades veciñais, culturais e deportivas, así como concellos.



