- As modificacións benefician a 37 dos 49 profesionais que traballan nos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada
- O primeiro acordo equipara os niveis dos postos de funcionario vencellados ao parque cos análogos da Consellería e o segundo busca compensar aos que desenvolven o seu labor en exclusiva nalgunha das illas -quedando a durmir cando están de quenda- e que contan cunha actividade extraordinaria na tempada alta
A Xunta mellora as condicións laborais e retributivas do persoal adscrito ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia mediante a sinatura de dous acordos neste eido cos representantes das organizacións sindicais.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, firmaron cos sindicatos CIG, CCOO, CSIF e FeSP-UXT os documentos nos que se inclúen cambios nas condicións salariais e laborais destes profesionais entre os que están algúns recoñecementos adicionais por tarefas específicas que realizan nas illas. Estas modificacións afectan a un total de 37 dos 49 profesionais adscritos ao Parque Nacional, que desenvolven o seu labor nos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.
En concreto, o primeiro dos acordos ten como obxectivo equiparar os niveis dos postos de funcionarios vencellados ao Parque Nacional cos análogos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. En total beneficia a 25 profesionais que exercen postos de mecánico naval, patrón de embarcación, capataz, guía-intérprete de patrimonio natural, mariñeiro-vixilante, oficial ou garda de recursos naturais.
Mentres, o segundo acordo afecta tamén a 25 empregados públicos -trece deles benefícianse dos dous- que desenvolven a súa actividade exclusivamente nalgún dos arquipélagos que compoñen o parque coa exixencia de durmir nas respectivas illas cando están de quenda. Estes profesionais -axentes, vixilantes, oficiais ou capataces- contan ademais cun período de actividade extraordinaria na tempada alta -tanto no verán como en Semana Santa- e o acordo inclúe compensacións tanto para o tempo de permanencia insular -outorgándolles dúas semanas de vacacións adicionais ao ano- como de carácter económico. A maiores, regúlanse outras condicións como a uniformidade ou a existencia de programas formativos específicos.
O fin último de ambos acordos é recoñecer o labor duns profesionais que fan un traballo fundamental para velar pola protección e conservación do Parque Nacional así como para fomentar as boas prácticas entre os visitantes garantindo o coidado dos valores naturais, patrimoniais e culturais existentes nas illas.