- As actuacións son o resultado dos convenios de colaboración asinados entra ambas administracións no 2024
- Ademais das obras realizadas, concedeuse unha achega para a compra dun vehículo adaptado para o centro ocupacional
A Xunta de Galicia destinou 134.000 euros a mellora do Centro Ocupacional de Discapacidade (CODI) e do centro de día para persoas maiores de Valga. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá estes equipamentos acompañado do alcalde do concello, José María Bello.
Perfecto Rodríguez destacou a boa sintonía entre a Administración autonómica e a local para a realización destas actuacións, que son o resultado de tres convenios de colaboración asinados no 2024. Ao respecto, apuntou que “o obxectivo destes acordos é ofrecer aos veciños de Valga unhas infraestruturas e servizos de calidade”.
As actuación levadas a cabo no CODI consistiron no acondicionamento completo dun local anexo ao centro para usalo como espazo para a realización de diferentes obradoiros de reciclaxe de aparatos eléctricos e electrónicos, de manualidades, de musicoterapia ou de estimulación cognitiva, entre outros. Esta intervención incluíu a dotación de mobiliario, e supuxo un investimento de máis de 47.000 euros.
Ademais destas obras, o Consorcio concedeu ao concello unha subvención de 67.000 euros para a adquisición dun vehículo adaptado para o uso por parte deste centro ocupacional.
Pola súa banda, no centro de día investíronse 20.000 euros para mellorar o seu illamento térmico e eliminar filtracións. Os traballos desenvolvéronse tanto nos talleres como no ximnasio, o auditorio e a sala principal, e incluíron o pintado das zonas danadas pola humidade.