HomeXunta de GaliciaA Xunta non acepta un mapa concesional imposto e sen diálogo e...

A Xunta non acepta un mapa concesional imposto e sen diálogo e insiste ao goberno na convocatoria urxente da Conferencia Sectorial de Transportes

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, remitiulle ao ministro Óscar Puente unha carta na que rexeita calquera imposición unilateral
  • Reclama, sen mais dilacións, a celebración do encontro sectorial para “debater un modelo consensuado coa comunidade autónoma que garanta un servizo esencial para todos, sen penalizar a ninguén”

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, vén de remitir ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, unha carta na que volve esixir a convocatoria urxente da Conferencia Nacional de Transportes para abordar o mapa concesional de transporte de viaxeiros por estrada. A Xunta rexeita así responder ao ultimato do Goberno central ás comunidades autónomas para que se pronuncien como moi tarde hoxe sobre se aceptan ou non o concepto do mapa concesional proposto polo Ministerio. O Goberno galego apunta que Galicia non aceptará una imposición unilateral limitada a escoller entre dúas opcións formuladas sen diálogo coa comunidade autónoma e sen analizar a realidade e as necesidades de conectividade de Galicia.

Para Diego Calvo, calquera redeseño dos servizos de titularidade estatal debe artellarse de maneira coordinada cos sistemas autonómicos e os demais modos de transporte, para o que demanda diálogo e consenso. Nesta liña, sinala que desde a Xunta sempre se defendeu un sistema común de transporte público no Estado, coordinado, accesible e eficiente, que atenda e dea resposta ás necesidades de mobilidade da cidadanía en todo o territorio e, especialmente, no rural.

O conselleiro lembra o impacto do mapa concesional proposto de maneira unilateral polo Goberno central en Galicia, co risco de illar parte importante do rural galego. De non consensuar unha proposta coa comunidade, 22 municipios que suman 130.000 habitantes poderían verse afectados en canto a  tráficos e paradas, no que Calvo considera “unha ameaza á conectividade e unha incoherencia cos principios da Lei de mobilidade sostible”.

Na misiva incídese na necesidade de convocar a Conferencia sectorial de transportes, que leva sen xuntarse desde xullo de 2022 a pesar de que o seu regulamento establece xuntanzas cada seis meses. “Este foro é o espazo para debater un modelo que garanta un servizo esencial para todos, sen penalizar a ninguén”, engade.

Desde a Xunta convídase ao Ministerio a apostar polo consenso e por deixar atrás a confrontación, xa que, segundo apunta, “en Galicia estamos listos para dialogar, pero non para aceptar imposicións”.

Publicacións Relacionadas