HomeXunta de GaliciaA Xunta ofrece formación para que as persoas maiores de 50 anos...

A Xunta ofrece formación para que as persoas maiores de 50 anos busquen emprego usando ferramentas dixitais

- Anuncio -spot_img
  • O curso desenvolverase en formato mixto: de xeito presencial na aula CeMIT da Coruña e en liña a través de plataforma de teleformación da Rede
  • Calquera pode apuntarse para aprender a usar os portais de emprego, facer un currículo dixital ou preparar entrevistas virtuais, pero está dirixido principalmente as persoas demandantes de emprego de máis idade

A Xunta de Galicia, a través da Rede de aulas CeMIT, ofrece ás persoas demandantes de emprego un curso no que aprenderán a utilizar medios e ferramentas dixitais para atopar traballo.

O curso conta cunha modalidade mixta de formación presencial e en liña destinada principalmente ás persoas de máis de 50 anos, que se desenvolverá na aula CeMIT do Centro Cívico de Eiris, na Coruña, entre o 25 de marzo e o 13 de maio. A matrícula estará aberta ata o 23 de marzo e pode facerse na propia aula ou a través desta ligazón. Este curso conta tamén cunha modalidade de autoformación en liña, destinada a todas as persoas demandantes de emprego, que pode realizarse a través da plataforma de teleformación de CeMIT. Para inscribirse é necesario estar rexistrado na rede CeMIT.

A iniciativa Ferramentas dixitais para a busca de emprego ten como obxectivo acompañar ás persoas participantes na súa aproximación a estes medios para que adquiran confianza no seu uso. Tamén pretende mostrar como estes sistemas están a transformar o mercado laboral. Trátase dunha formación eminentemente práctica e orientada á empregabilidade real, cunha especial atención ás necesidades das persoas de máis de 50 anos.

O curso ensina a identificar e empregar portais, plataformas e aplicacións de procura de emprego –como Emprego Galicia, SEPE, Linkedin ou InfoJobs–  adaptadas a cada perfil profesional. Entre outros aspectos, o alumnado tamén aprenderá a optimizar perfís profesionais en liña, a elaborar un currículo dixital ou a preparar entrevistas de traballo virtuais. Inclúe, así mesmo, contidos para coñecer utilidades básicas de intelixencia artificial aplicadas á busca de emprego.

Publicacións Relacionadas