Home A Paradanta A Cañiza A Xunta ofrecerá ao GES da Cañiza un novo camión de emerxencias...

A Xunta ofrecerá ao GES da Cañiza un novo camión de emerxencias para intervención en incendios

- Anuncio -

Destinará case 200.000 euros a un vehículo 4×4 tipo Bomba Rural Pesada equipado para intervir en lumes urbanos, industrias e forestais e que permite acceder a todo tipo de zonas

A Xunta aprobou este ano coas deputacións provinciais e a FEGAMP a creación de cinco novos GES e un servizo municipal na comunidade, tres deles na provincia pontevedresa en A Cañiza, xunto co de A Lama e o de Mos/Redondela

A Xunta ofrecerá ao GES de Cañiza, na provincia de Pontevedra, un novo camión de emerxencias para atender incidencias relacionadas con lumes urbanos, industriais e forestais, que terá un custo de case 200.000 euros.

Trátase dun camión tipo Bomba Rural Pesada (BRP) totalmente equipado e que permite o acceso a todo tipo de zonas, desde terreos urbanos, a estradas secundarias en áreas rurais e pistas forestais ou camiños. Este vehículo conta con tracción integral 4×4, unha cisterna de auga de capacidade de 3.000 litros, ademais dunha bomba centrífuga con presión combinada para o lanzamento de auga en alta ou baixa presión, o que aumenta a eficacia na extinción dos lumes e reduce a afectación na zona.

A Xunta apoia así o equipamento de emerxencias deste novo Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) da Cañiza, creado este ano no marco da Comisión de Seguimento dos GES, da que forman parte a Xunta, as deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP). O da Cañiza é un dos 3 novos grupos cos que contará a provincia de Pontevedra, xunto con outro en A Lama e o de Mos/Redondela, cunha sede en cada un dos dous municipios. No caso do GES de A Cañiza mellorase a cobertura dos municipios de Arbo, A Cañiza, Covelo e Crecente.

O novo mapa de emerxencias para garantir unha maior e mellor cobertura en Galicia en situacións de emerxencia disporá de 5 novos GES na comunidade galega: os 3 en Pontevedra xunto con outros 2 en Ourense –un con sede no concello de A Veiga e outro en Maceda- así como un servizo municipal no concello coruñés de Noia, que entrou en funcionamento a semana pasada e ao que a Xunta tamén destinou un novo vehículo de emerxencias. En concreto un camión tipo Bomba Rural Lixeira, adquirido por 150.000 euros.

Cos 6 novos servizos, Galicia terá un total de 29 GES e 4 servizos municipais que contribuirán a mellorar e reducir os tempos de resposta en situacións de emerxencia.

O investimento da Xunta nestes servizos acada este ano os 4,8 millóns de euros, o que supón máis da metade do seu custo anual. O Goberno galego reafirma así o seu compromiso coa creación e mantemento destes grupos postos en marcha en 2013 en consenso coas deputacións e os concellos. Ademais, nos últimos anos a Xunta realizou un importante esforzo para reforzar o equipamento dos servizos de emerxencias dos municipios –tanto os GES como as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil- cun investimento de case 20 millóns de euros.

O Goberno galego reafirma así o seu compromiso para continuar a apoiar aos servizos de emerxencia da comunidade, tanto na dotación de equipamento como na súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Por iso, destaca a necesidade da colaboración das administracións co obxectivo de seguir a mellorar o mapa de emerxencias da comunidade e dotar aos profesionais destes servizos do equipamento necesario para garantir a súa seguridade nas súas intervencións e, por ende, a dos seus veciños.

Relacionadas

Redondela mantén a punto os areais no comezo da primavera

0
Nas semanas previas á chegada da primavera e a Semana Santa o departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela deixou en estado de...

A Deputación inicia a incoación do expediente de honra a favor da doutora ourensá...

0
Marisa Crespo-Leiro (Cea, 1961), é un referente mundial no ámbito da insuficiencia cardíaca e os transplantes de corazón. Licenciada en Medicina pola Universidade de...

O Concello lanza un novo sorteo de 100 tarxetas regalo de 50 euros por...

0
A campaña arrancará desenvolverase entre o 1 e o 30 de abril. Pódese participar a partir de 30 euros de compra, depositando os tickets...

Cinco estreas na XIV Semana de Teatro Amador

0
O Teatro Municipal acollerá do luns 1 ao venres 5 as novas montaxes dos grupos de teatro CAI, Chirlomirlo, Aloia, San Fins, e A...

59 días para a marcha cicloturista Sestelo-Clásica Álvaro Pino

0
O alcalde de Covelo e a organización da marcha reúnense para ultimar os preparativos A 59 días da celebración deste evento que recorre o Condado,...

Rueda destaca o patrimonio cultural, a paisaxe e a gastronomía como principais atractivos turísticos...

0
― Resalta que cómpre “coidar e facer sostibles” os elementos que identifican á comunidade porque o turismo “é unha parte moi importante da economía”...

Publicacións Relacionadas