HomePontevedraDezaA Xunta organiza en Silleda un curso de manipulador de produtos fitosanitarios...

A Xunta organiza en Silleda un curso de manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico

- Anuncio -spot_img

A formación, que terá unha duración total de 27 horas, desenvolverase no recinto da Feira Internacional de Galicia

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar en Silleda unha formación profesional de manipulador de produtos fitosanitarios de nivel básico. O curso impartirase no recinto da Feira Internacional de Galicia ao longo de seis días en horario de tarde, desde as 16,00 ata as 21,00 horas, a partir do vindeiro luns 17.

O obradoiro contará cunha parte teórica, na que abordará temas como as pragas dos cultivos e os seus métodos de control, medidas para reducir os riscos sobre a saúde, os equipos de aplicación dos tratamentos fitosanitarios ou a limpeza, regulación e calibración dos equipos. Ademais, terá unha parte práctica acerca do caderno de explotacións, os riscos relacionados co uso de equipos de pragas e tratamentos nas explotacións agrarias e a revisión e calibración dos mesmos.

Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 886 159 476, ou enviarse un correo a juan.antonio.ortega.martinez@xunta.gal.

Publicacións Relacionadas