- As obras, que comezarán proximamente e cun prazo de execución de dous meses, inclúen a impermeabilización da fachada, o axardinamento vertical, a automatización do mecanismo de regado e a instalación dun sistema de recollida de augas
- A conselleira felicita ao Goberno local por aproveitar as achegas destinadas ás entidades locais para impulsar zonas verdes na súa área de influencia á mellora do estado exterior deste inmoble que dá servizo ao conxunto da veciñanza
- Ángeles Vázquez salienta a boa acollida da primeira convocatoria desta liña de apoios, que se resolveu con achegas concedidas a 35 concellos para 42 proxectos e esgotou os 2 millóns de euros orzamentados
A Xunta de Galicia concedeu unha axuda de preto de 40.000 euros ao Concello de Santiso para a instalación dun xardín vertical en parte das fachadas do centro médico de Visantoña. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe o municipio para coñecer en que consistirán os traballos e felicitou ao alcalde, Manuel Adán, por aproveitar as achegas destinadas aos concellos para impulsar zonas verdes para mellorar o estado deste inmoble que dá servizo ao conxunto da veciñanza.
As obras, que comezarán proximamente e terán un prazo de execución de dous meses, inclúen a impermeabilización da fachada de bloque de formigón, o axardinamento vertical con cultivo hidropónico con especies de plantas para exterior -cunha densidade de 36 unidades por metro cadrado-, a automatización do mecanismo de regado e a instalación dun sistema de recollida de augas cun canlón cadrado de aluminio lacado.
A responsable autonómica lembrou que esta actuación se enmarca nas axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e perirurbanos. Concretamente correspóndese coa liña B para o incremento da biodiversidade e das zonas verdes urbanas, o que contribuirá a mellorar a contorna, a conservación de especies vexetais locais, adaptar a contorna ao cambio climático, mellorar a calidade ambiental e crear espazos saudables para residentes e visitantes.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, destacou a boa acollida da primeira convocatoria desta liña de apoios na que se concederon axudas a 35 concellos para a execución de 42 proxectos, esgotando os 2 millóns de euros do orzamento dispoñible. No caso da provincia da Coruña concedéronse en total 13 achegas a 11 concellos por un importe total de preto de 630.000 euros.
Todas estas iniciativas, nas que o Executivo galego aporta ata o 80% do importe subvencionable e como máximo 60.000 euros por iniciativa -cun límite de tres proxectos por solicitante-, mobilizarán un investimento total de máis de 2,5 millóns, contando tanto as achegas autonómicas como as aportacións dos concellos.
O obxectivo da convocatoria é apoiar aos concellos para que realicen intervencións en espazos públicos coas que atenuar o efecto illa de calor, incrementar os espazos verdes e a biodiversidade urbana existentes e fomentar a conectividade natural entre as zonas urbanas e periurbanas aproveitando treitos fluviais e sendas.
Entre un 40% e un 70% das emisións GEI
Cómpre lembrar que o obxectivo desta liña de axudas é avanzar no obxectivo de dotar ás zonas urbanas de espazos e pulmóns verdes como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas tendo en conta que se estima que é nas áreas máis poboadas onde se xeran entre un 40% e un 70% de todos os gases de efecto invernadoiro (GEI).
A existencia destas contornas naturais, de feito, repercute na redución das emisións á atmosfera e na mellora da calidade de vida da cidadanía polos beneficios que reportan para a saúde e pola sociabilidade, ao ser tamén espazos de encontro e lecer colectivo.
A conselleira puxo en valor que este tipo de actuacións son básicas para consolidar a posición de Galicia como a comunidade española máis resiliente fronte ao cambio climático pois logrou reducir preto dun 62% as súas emisións netas de gases de efecto invernadoiro desde 1990, ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas. Proxectos así, destacou, serán vitais para a consecución do obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040.