A Xunta participa na campaña da Unión Ciclista Europea para concienciar sobre a protección do medio ambiente durante o Campionato Europeo de Ciclocrós

adminON
Lectura mínima de 2

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou na iniciativa ‘UEC Forest’ na que representantes de entidades como a Xunta colaboradoras na competición internacional que se celebra estes días en Pontevedra plantaron unha árbore como símbolo do compromiso coa sostibilidade

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, participou hoxe na iniciativa UEC Forest da Unión Ciclista Europea (UEC), a través da cal o organismo aposta pola plantación de árbores en cada sede dun campionato europeo, como é o caso do de ciclocrós que se celebra desde onte e ata o domingo en Pontevedra. Deste xeito, cada representante de cada entidade colaboradora na competición, como é o caso do delegado por parte da Xunta, plantou un freixo como simbolización do compromiso coa sostibilidade e o medio ambiente e co obxectivo de garantir un alto nivel de absorción de dióxido de carbono.

O Campionato Europeo de Ciclocrós celébrase por primeira vez en España e concentra na Illa das Esculturas de Pontevedra os mellores ciclocrosistas europeos. Ademais das tradicionais probas elite, sub-23 e júnior -tanto na categoría masculina como feminina- nesta ocasión tamén se levarán a cabo por primeira vez as competicións máster dos distintos grupos de idade, elevando a participación a centos de deportistas de case unha vintena de países.

Para esta proba continental, organizada pola UEC e as federacións galega e española de ciclismo, adaptouse a Illa das Esculturas, que xa foi sede de competicións nacionais, para crear o circuíto do campionato. Polo tanto, o evento supón unha oportunidade para ratificar a posición de Galicia no ciclocrós coa celebración dunha das súas citas máis importantes, ao mesmo tempo que supón un revulsivo económico para a cidade e un escaparate para a promoción turística da comunidade. Da selección española figuran case unha trintena de deportistas, entre os que destacan galegos como Lorena Patiño na categoría júnior, ou Miguel Rodríguez, Tomás Pombo e Aroa Otero na sub-23.

Comparte este artigo