A Xunta pecha a celebración dos Días Europeos da Artesanía con actividades en Vigo e Oia

Redacción
Lectura mínima de 3
  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia visitou hoxe en Oia a iniciativa ‘Artesanía na Praza’ con talleres participativos de cerámica, coiro, madeira, xoiería e tecido
  • Posteriormente, Elena Fabeiro achegouse ata Vigo co gallo do ‘3º Encontro Profesional Galego de Construción de Instrumentos Musicais’ impulsado pola Asociación Labra co apoio do Goberno autonómico
  • A maiores, durante toda a xornada de hoxe estanse a desenvolver obradoiros de cerámica, pintura sobre tecido e estampaxe vexetal sobre tea no Museo do Mar de Galicia para celebrar os Días Europeos da Artesanía

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, pechará hoxe as xornadas dedicadas á divulgación dos oficios artesanais no marco dos Días Europeos da Artesanía que se veñen celebrando desde o pasado martes. A Xunta colabora nesta edición apoiando un total de 20 iniciativas que inclúen 110 actividades para dar a coñecer e poñer en valor a artesanía nas catro provincias. En concreto, a xerente achegouse este domingo ata Oia e Vigo co fin de visitar as diferentes iniciativas que contan co patrocinio da Xunta.

Primeiro, na praza de abastos de Oia, visitou o evento Artesanía na Praza, no que se desenvolveron ao longo da mañá talleres participativos de cerámica, de coiro, de torneado de madeira, de xoiería e de tecido, impartidos por Lucky’s Bakes, Media Lúa, Aitor, Areladefe e Liño e la, respectivamente.

Posteriormente, desprazouse ata a Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO), de Vigo, onde hoxe se desenvolve o 3º Encontro Profesional Galego de Construción de Instrumentos Musicais, organizado pola Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais Labra, un evento anual que este ano se celebra coincidindo cos Días Europeos da Artesanía. O encontro funciona como escaparate do traballo dos construtores profesionais e convértese nun escenario de debate e reflexión sobre temas de interese tanto para profesionais como para o público en xeral. No evento inclúese unha mostra de instrumentos construídos polos asociados de Labra e unha programación complementaria de actividades como presentacións de proxectos, faladoiros ou concertos.

Talleres no Museo do Mar

A maiores, durante toda a fin de semana estanse a celebrar talleres abertos no Museo do Mar de Galicia para celebrar os Días Europeos da Artesanía 2026. En horario de 11,00 a 13,30 e de 17,00 a 19,00 h., as persoas asistentes poderán iniciarse na cerámica de torno con Carlos San Claudio, na cerámica de mesa con Peixe Nero, na estampaxe vexetal sobre tecido con Peixesapop ou na pintura sobre téxtil con Como pez en el agua.

Comparte este artigo