HomeXunta de GaliciaA Xunta pide ao goberno Central que fixe criterios claros para declarar...

A Xunta pide ao goberno Central que fixe criterios claros para declarar zonas vulnerables por nitratos atendendo ás peculiaridades das comunidades

- Anuncio -spot_img
  • O Executivo galego considera vital que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico conclúa o estudo de presións e impactos cos datos aportados polas autonomías e estableza limiares na liña dos que marca a Comisión Europea
  • Augas de Galicia lembra que é importante ter en conta cuestións como que nas rías galegas hai un enriquecemento natural de nitratos, polo que esas augas non poden considerarse afectadas por contaminación deste tipo
  • A Administración galega incide en que nas augas subterráneas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, a diferenza doutras zonas de España, non hai acuíferos, polo que o establecemento dos espazos afectados por nitratos ten que realizarse cunha metodoloxía distinta dado que a realidade tamén é diferente

O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, e o subdirector xeral de Explotacións Agrarias da Consellería do Medio Rural, Nicasio Mejuto, participaron hoxe por videoconferencia no Grupo de traballo de presións e impactos en materia de nitratos, na que pediron ao Goberno central que fixe criterios claros para a declaración de zonas vulnerables que teñan en conta as peculiaridades das distintas comunidades autónomas.

A Xunta considera vital que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico conclúa o estudo de presións e impactos por nitratos coa información aportada polos Gobernos autonómicos e estableza limiares para fixar as áreas consideradas vulnerables por presenza de nitratos de orixe agraria. Nesta liña, defendeu a posibilidade de establecer criterios como os que marca a directiva comunitaria nos programas de acción, de 170 quilogramos de nitróxeno por hectárea.

O Executivo galego defendeu ante a Administración central e o resto de comunidades que é fundamental determinar se a presenza de nitratos se debe a causas naturais ou a actividades como a agricultura e a gandaría e corrixir erros como os que había no último estudo do Ministerio, no que había exemplos de zonas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa que se definían como contaminadas malia que non existen certezas de que a orixe desta contaminación non proceda doutras fontes como poden ser os núcleos urbanos ou polígonos industriais próximos.

En canto ás peculiaridades das comunidades autónomas, os representantes de Augas de Galicia e da Consellería do Medio Rural lembraron que é importante ter en conta cuestións como que nas rías galegas -nas augas de transición e costeiras- hai un enriquecemento natural de nitratos, polo que non se poden considerar augas afectadas por contaminación por nitratos.

Acuíferos

A maiores, subliñaron que nas augas subterráneas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa, a diferenza doutras partes de España, non hai acuíferos, polo que o establecemento do ámbito de espazos afectados por nitratos se ten que realizar con outra metodoloxía, para que esa declaración sexa acorde coa realidade existente.

Nesta liña, os representantes da Xunta defenderon a necesidade de actuar co máximo rigor na definición das zonas vulnerables para non prexudicar de xeito innecesario a un sector tan importante para Galicia como é o agrogandeiro. De feito, o traballo realizado neste eido ata o momento polos técnicos de Augas de Galicia e da Consellería do Medio Rural mostra que nalgunhas áreas que o Ministerio considera afectadas pódese descartar que a situación teña orixe agraria e noutras mesmo se constata que non hai explotacións nin actividade gandeira na contorna.

Galicia defende a necesidade de acoutar ao máximo as zonas que se declaren vulnerables e que esa catalogación se faga tras unha avaliación exhaustiva de todos os parámetros que poden influír na contaminación por nitratos. É fundamental delimitar se a orixe deses nitratos está realmente na gandería e agricultura pois o Real Decreto 47/2022 sobre a protección das augas contra a contaminación difusa por nitratos e a directiva de nitratos de orixe agraria unicamente se refiren a eses casos.

Este encontro entre o Ministerio e as comunidades autónomas engádese a outros mantidos anteriormente no marco do grupo de traballo e á xuntanza bilateral mantida o venres pasado. Neles o Goberno galego defendeu e canalizou as inquedanzas expresadas polo sector agrogandeiro galego durante a rolda de contactos que se mantivo para analizar as posibles vías de mellora tanto da sostibilidade ambiental da agricultura e a gandería como da situación ecolóxica dos acuíferos.

Publicacións Relacionadas