- Ángeles Vázquez lembrou tamén a importancia de contar coa colaboración das administracións locais e cidadanía para lograr manter limpas e desbrozadas as zonas periurbanas co fin de evitar que a especie atope nelas refuxio e alimento
- María José Gómez reiterou que a Xunta mantén un contacto permanente co sector para facer seguimento da situación e evolución da Peste Porcina Africana e fixo fincapé en que a doenza segue localizada na provincia de Barcelona
- O Goberno galego insiste en reclamar unha Conferencia Sectorial específica coa participación dos Ministerios de Agricultura e para a Transición Ecolóxica co obxectivo de coordinar medidas a nivel nacional para facer fronte á situación
A Xunta convocou esta mañá a unha ampla representación do sector porcino e cinexético co fin de abordar a situación actual da xestión do xabaril na Comunidade para garantir unha actuación coordinada desde o punto de vista das súas respectivas competencias.
Con tal fin, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Medio Rural, María José Gomez, acompañadas pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuníronse esta mañá con membros da Federación Galega de Porcino (Fegapor), da Agrupación Defensa Sanitaria de Ganado Porcino, da Asociación Galega de Veterinarios de Porcino (Agavepor) e da Federación Galega de Caza, entre outros.
Durante a xuntanza, Ángeles Vázquez lembrou tamén a importancia de contar coa colaboración das administracións locais e da propia cidadanía para lograr manter limpas e desbrozadas as zonas urbanas e periurbanas, especialmente no caso das contornas das grandes cidades, co fin de evitar que a especie atope nelas refuxio e alimento e medida eficaz para afastala das áreas poboadas.
Neste sentido, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático informou de que tras a última reunión do grupo de traballo para a xestión do xabaril en Galicia (celebrada o 9 de decembro), o seu departamento remitiulle un escrito á Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) para trasladarlle unha serie de recomendacións dirixidas á cidadanía ante a presenza de xabarís en contornas urbanas.
Así mesmo e con relación ás medidas adoptadas directamente pola Xunta, salientou a declaración no mes de outubro da emerxencia cinexética polo xabaril en 38 comarcas e 254 concellos, medida que, tal e como recordou, entrou en vigor en Galicia antes que en ningunha outra comunidade española.
Neste sentido, a responsable autonómica explicou que entre esta e outras decisións adoptadas nos últimos anos con relación ao control cinexético da especie, en Galicia é posible cazar xabarís durante practicamente todo o ano e amosouse disposta a seguir explorando vías e modalidades alternativas ou que se están a aplicar noutras rexións para manter baixo control as súas poboacións na Comunidade.
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reiterou que, en relación coa Peste Porcina Africana (PPA), a Xunta está ao carón do sector, co que se mantén un contacto permanente para facer un seguimento e unha avaliación continua da situación, algo que se pon de manifesto coas diversas reunións celebradas nos últimos días.
Asemade, Gómez volveu insistir na necesidade de que o Ministerio de Agricultura redobre os esforzos á hora de buscar acordos de rexionalización nas exportacións, co fin de minimizar o impacto económico da doenza, unha enfermidade que -fixo fincapé- segue localizada na provincia de Barcelona.
A maiores, ambas conselleiras lembraron que a Xunta continúa reclamando ao Goberno Central unha Conferencia Sectorial específica e con participación dos ministerios de Agricultura e para a Transición Ecolóxica, para coordinar as medidas no ámbito nacional.



