― José González puxo en valor a traxectoria do homenaxeado e destacou a importancia destes galardóns que poñen o foco da sociedade nas persoas que, desde o seu labor sindical, contribúen con responsabilidade ao desenvolvemento económico e social
― Apelou ao poder da negociación e do consenso como motores de progreso, indicando que os logros máis grandes en materia laboral se acadan cando todos os axentes suman os seus esforzos e traballan en conxunto
― Afirmou que a colaboración publico-privada é a vía para dar resposta aos desafíos do mercado laboral, como a redución da xornada, o absentismo ou as vacantes
― Destacou ademais a aposta do Goberno galego por adaptar os grupos do diálogo social ás novas realidades do mercado laboral, ademais doutras vías de colaboración co tecido sindical
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado do secretario xeral de Emprego, Pablo Fernández, e da presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sandez, participou esta mañá no acto de entrega do Premio Luís Tilve 2024 a Cándido Méndez, ex-secretario xeral de UGT.
Durante a súa intervención, José González puxo en valor a dilatada traxectoria de Cándido Méndez adicada a prol dun dos piares da sociedade, os traballadores e traballadoras, e agradeceu así mesmo á Fundación Luís Tilve e a UXT Galicia a organización duns galardóns que poñen o foco da sociedade en todas esas persoas, indicou, que desde o seu labor sindical contribúen con responsabilidade e compromiso ao desenvolvemento económico e social.
Neste senso, o conselleiro de Emprego apelou ao poder da negociación, do consenso e do diálogo social como motores de progreso, indicando que os logros máis grandes en materia laboral se acadan cando todos os axentes -Administración pública, empresas e sindicatos-, suman os seus esforzos e traballan en conxunto.
Así, explicou que fronte aos desafíos actuais do mercado laboral –desde a redución da xornada laboral ata a mellora da eficiencia nas empresas, a loita contra o absentismo e as vacantes non cubertas– a colaboración público-privada é a única vía válida.
Reforzo das mesas de diálogo social
González lembrou tamén que desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración se aposta por adaptar o traballo das mesas de diálogo social, para actualizalas e dotalas dunha maior transversalidade, co obxectivo de seguir construíndo consensos sólidos e solucións integradoras que respondan as demandas reais do tecido laboral e produtivo.
Neste camiño, avanzou que se seguirá afondando en vías de colaboración cos sindicatos, xunto ao desenvolvemento doutras ferramentas estratéxicas na consecución dun mercado laboral dinámico e inclusivo como son Consello Galego de Relacións Laborais.

