O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e pola xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, reuniuse esta mañá co presidente da Comisión Galega da Competencia, Ignacio López-Chávez, así como con outros representantes deste órgano colexiado independente, adscrito ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
No encontro abordaron diferentes aspectos sobre o funcionamento e o labor fundamental que desenvolve esta Comisión, encargada de velar e promover o libre mercado en Galicia a favor do interese de empresas e consumidores. Entre os seus múltiples cometidos, correspóndelle a instrución e resolución, entre outros, de procedementos relativos a conductas abusivas no mercado ou actos de competencia desleal entre empresas. Tamén exerce funcións consultivas sobre cuestións relacionadas coa defensa da competencia, a instancia das Administracións Públicas ou das asociacións de empresarios ou de consumidores.

