HomeXunta de GaliciaA Xunta pon en marcha unha nova edición de obradoiros para formar...

A Xunta pon en marcha unha nova edición de obradoiros para formar a máis de 2.000 persoas galegas no exterior

- Anuncio -spot_img
  • Desde hoxe e ata o vindeiro 26 de febreiro as arredor de 200 entidades galegas de toda Europa e América inscritas no Rexistro da Galeguidade poden solicitar estas achegas das que o DOG publicou esta semana a convocatoria deste ano
  • A iniciativa permitirá aos centros desenvolver talleres de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega ao sufragar os gastos de contratación do profesorado e os materiais de formación

Desde hoxe e ata o vindeiro 26 de febreiro as arredor de 200 entidades galegas de toda Europa e América inscritas no Rexistro da Galeguidade poden solicitar as axudas da Secretaría Xeral da Emigración da Xunta para a posta en marcha de obradoiros de folclore, artesanía, cociña e seminarios de cultura galega cos que se prevé formar a máis de 2.000 persoas.

O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a convocatoria de 2026 destas achegas coas que o Goberno galego busca seguir fortalecendo os vínculos da comunidade emigrante coa súa terra de orixe. En concreto, con estes apoios autonómicos sufráganse os gastos relacionados coa administración e a contratación, o desprazamento do profesorado e a compra dos materiais de formación. As entidades encargaranse, pola súa banda, dos gastos de estadía e manutención do persoal docente e das instalacións onde se impartan os cursos.

Deste xeito, ao abeiro desta liña, posibilítase a celebración de obradoiros de folclore —como baile, gaita, percusión e pandeireta e canto—, a posta en marcha de talleres de artesanía relacionados co encaixe de palillos ou coa confección de traxes tradicionais, o desenvolvemento de cursos de cociña galega e o impulso de seminarios de cultura.

Ao igual que noutras edicións, os diferentes obradoiros poderán desenvolverse de maneira presencial ou en modalidade telemática a través da aula virtual, unha plataforma onde a persoa formadora e o alumnado interactúan, conforme ás necesidades das persoas participantes co fin de optimizar a aprendizaxe. En ambos casos, os cursos serán impartidos por profesionais con recoñecida experiencia nas distintas modalidades.  Grazas á edición de 2025  destas axudas realizáronse preto de 50 obradoiros e formáronse máis de 1.500 persoas.

Publicacións Relacionadas