- Paula Uría explica que este servizo de asesoramento especializado ten como obxectivo capacitar e axudar ás entidades adheridas á Alianza galega polo clima a definir o seu camiño no reto da transición enerxética e a acción climática
- O servizo inclúe unha calculadora de carbono, que permite tanto calcular as emisións de GEI asociadas ás actividades dunha organización como cuantificar a redución de emisións que suporía a aplicación dun plan de mellora determinado
A Xunta puxo en marcha unha plataforma tecnolóxica de apoio ás empresas e entidades galegas nas súas accións fronte ao cambio climático e para avanzar cara a unha comunidade neutra en emisións.
A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, explicou que este servizo de asesoramento especializado ten como obxectivo “capacitar e axudar ás entidades adheridas á Alianza galega polo clima a definir o seu camiño no reto da transición enerxética e a acción climática”.
Deste xeito, os socios desta iniciativa, cos que hoxe a directora xeral mantivo un webinario, terán á súa disposición unha ferramenta de comunicación actualizada para facilitar proxectos colaborativos e diferente información.
Máis polo miúdo, este servizo en liña, ademais de incluír todos os detalles relativos á celebración de eventos, talleres formativos ou eventos colaborativos, tamén ofrecerá asesoramento especializado para resolver consultas técnicas, elaborar unha folla de ruta da entidade en base ao seu punto de partida e identificar medidas de adaptación ao cambio climático, así como facer un seguimento das mesmas.
A directora xeral engadiu que esta plataforma incluirá unha ampla de recursos de interese para os membros da Alianza, como información sobre convocatorias de axudas e novidades legais ou regulamentarias.
A maiores, Paula Uría indicou que o servizo inclúe unha calculadora de carbono. Segundo explicou, trátase dunha ferramenta que permite calcular as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) asociadas ás actividades dunha organización e, ademais, ofrece a posibilidade de cuantificar a redución de emisións que suporía a aplicación dun plan de mellora determinado.
Cómpre lembrar que a Alianza galega polo clima é unha iniciativa posta en marcha pola Xunta en 2022 co obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.
Deste xeito, pretende impulsar entre os seus socios -preto de 190 na actualidade- o establecemento de accións de adaptación ou mitigación do cambio climático, o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido, a promoción da investigación ligada ao clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.