HomeXunta de GaliciaA Xunta pon en valor a aposta da Federación Down Galicia pola...

A Xunta pon en valor a aposta da Federación Down Galicia pola formación e o acompañamento de cara a inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade

- Anuncio -spot_img
  • José González gabou o seu afán por facilitar o acceso ao emprego das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, mellorando a súa cualificación e acompañándoas na incorporación e mantemento no mercado laboral
  • Comprometeu o apoio da Xunta con axudas como as dirixidas a fomentar o emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, que se consolidarán neste 2026 cun orzamento de 10 M€
  • Tamén se reeditarán as achegas para actividades de información, orientación e busca de traballo, o programa de emprego con apoio ou os incrementos establecidos para as axudas dirixidas á contratación de persoas con discapacidade

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, e pola directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá as instalacións da Federación Down Galicia en Santiago de Compostela, onde puxo en valor a aposta desta entidade pola formación e polo acompañamento de cara á inclusión sociolaboral das persoas con síndrome de Down ou con outro tipo de discapacidade intelectual. Ao tempo, ante o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto, e a xerente da entidade, Sonia Caldas,  o conselleiro comprometeu o apoio da Xunta, reforzando a colaboración co gallo de abrir máis oportunidades e de mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade ou en risco de exclusión.

Segundo destacou o conselleiro, a prioridade da Xunta é avanzar cara a un emprego inclusivo, estable e de calidade que non deixe a ninguén atrás. Nese senso, o Goberno galego conta con medidas específicas como as axudas para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración coas entidades sen ánimo de lucro, das que se vén beneficiando Down Galicia para contratar traballadores desempregados ou axentes de emprego e unidades de apoio. Unhas axudas que se consolidarán neste 2026 cun orzamento de 10 M€.

Tamén se reeditarán as achegas para a realización de actividades de información, orientación e busca de traballo ou o programa de emprego con apoio que financia os custos laborais derivados da contratación de preparadores que presten apoio a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no seu traballo nunha empresa, co fin de favorecer a súa integración laboral. Cómpre resaltar ademais que todas as liñas da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que incentivan a contratación recollen, de xeito transversal, incrementos nas axudas aos contratos que se realizan con persoas con discapacidade.

Canto ao labor de Down Galicia, o conselleiro gabou o seu afán por facilitar o acceso real ao emprego ordinario das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, mellorando a súa cualificación profesional e acompañándoas na incorporación e mantemento no mercado laboral. Así, destaca súa aposta pola formación para o emprego, con accións específicas orientadas a ampliar os coñecementos técnicos e competencias profesionais co gallo de aumentar as posibilidades de acceder a un traballo; ao seu servizo de emprego con apoio nos propios postos de traballo ou á atención prestada á mocidade para o paso da etapa educativa á vida adulta, incluíndo o acceso ao mercado laboral.

O titular de Emprego dixo ser consciente de que as persoas con síndrome de Down atopan barreiras á hora de encontrar un traballo, o que supón un obstáculo adicional no seu proceso de inclusión social. Por iso, animou a Down Galicia a seguir loitando polos dereitos das persoas con discapacidade intelectual, ao tempo que comprometeu o pleno acompañamento da Xunta de Galicia, tamén pola vía da sensibilización do tecido empresarial sobre a importancia da responsabilidade social corporativa e sobre o impacto beneficioso de contratar persoas con discapacidade.

A maiores, o Goberno autonómico aposta pola economía social como motor de inclusión, con case 45 M€ dirixidos a este eido en 2026 e coa ollada posta na nova Lei de cooperativas que aposta por visibilizar esta fórmula en sectores clave e pola simplificación administrativa. Tamén cabe lembrar o compromiso de reservar o 6 % dos contratos menores e abertos simplificados en determinados servizos a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción, reforzando así a empregabilidade das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión.

Publicacións Relacionadas