A Xunta pon en valor a herdanz Xacobea e o patrimonio de Teo como reclamos para os peregrinos do Camiño Portugués e Portugués da Costa

Redacción
Lectura mínima de 2

O director de Turismo de Galicia interveu nunhas xornadas de temática xacobea organizadas polo concello de Teo

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta tarde nas xornadas ‘Historia e historias compartidas… Teo, territorio xacobeo’, organizadas polo concello de Teo arredor da temática de itinerarios culturais, memoria e patrimonio do Camiño.

Durante a súa intervención, Xosé Merelles puxo en valor a herdanza xacobea en Teo, que entronca coa tradición da Translatio do corpo de Santiago o Maior dende Iria Flavia ata a actual Compostela e por onde pasa, actualmente, o Camiño Portugués.

O director de Turismo de Galicia destacou tamén elementos patrimoniais da localidade, como o Castro Lupario ou o Cruceiro de Rúa dos Francos, e figuras célebres que pasaron pola ruta, como o monarca portugués don Manuel I, O Venturoso, ou o médico humanista de Núrenberg Xerónimo Münzer.

“Este legado histórico -sinalou- non quedou parado no tempo, como resto arqueolóxico ou documento manuscrito para estudo de especialistas, senón que sigue activo, como fenómeno histórico vivo que é a peregrinación a Santiago de Compostela”.

Referíndose aos Camiño Portugués e Portugués da Costa que percorre este municipio, Xosé Merelles lembrou as cifras de 2025, que pasan ambos por Teo. Estes itinerarios foron realizados polo 36% das persoas que recolleron a Compostela na Oficina do Peregrino, isto é 190.350 camiñantes.

“Todos eles pasaron por estas terras deixando a súa pegada e contribuíndo á dinamización económica deste territorio”, sinalou, lembrando que, segundo estudos propios, cada peregrino deixa un impacto económico equivalente a entre 2,4 e 3 turistas nacionais.

Comparte este artigo