— Un vídeo e a recreación do castelo baseada nun modelo interactivo en 3D son algúns dos recursos que pon a disposición do público esta iniciativa
— O proxecto financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pretende divulgar as funcións que desenvolveu esta fortificación localizada en Forcarei
— O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destaca “a recuperación da historia a través das tecnoloxías en lugares nos que é complicada a reconstrución física”
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou esta mañá na presentación da reconstrución virtual da torre-fortaleza de Castro de Montes, no municipio de Forcarei, onde destacou “a aposta da Xunta polas ferramentas dixitais e as últimas tecnoloxías para contribuír á divulgación do patrimonio, como é o caso deste proxecto ou da iniciativa Galiverso que emprega ferramentas inmersivas con ese mesmo obxectivo”.
Tal e como sinalou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, este tipo de proxectos de recreación virtual “permiten recuperar a historia e o papel que desenvolveron en determinados territorios algunhas construcións, como esta de Forcarei”. Un obxectivo, dixo, “que dificilmente se podería levar a cabo de maneira física”.
Neste senso, a torre-fortaleza, cuxos escasos restos se atopan na parroquia de San Miguel de Presqueira, conta grazas a esta iniciativa financiada polo Goberno galego, en colaboración coa Asociación de Amigos da Terra de Montes, con varios materiais destinados á súa posta en valor. Así, o público poderá achegarse á outrora gran fortificación a través dun vídeo no que se visualiza a vista de paxaro a reconstrución do xacemento e dun modelo 3D que permite a interacción virtual co enclave. O acceso a estes recursos facilítase coa posta en marcha dunha web e a instalación dun panel informativo ao pé dos vestixios cos datos relevantes e un código QR.
A recuperación virtual
A fortificación de Castro de Montes debe o seu nome ao seu lugar de asentamento, un castro que foi utilizado posteriormente polos romanos como campamento. Na actualidade só quedan algunhas pedras da fortaleza que apenas permiten recoñecer a súa estrutura.
Deste xeito, para a súa recuperación a nivel virtual realizouse previamente unha recompilación e filtrado de material histórico. Para axustarse á realidade e levar a cabo unha reconstrución fiel baseada en elementos reais fixéronse traballos de xeoreferencia e fotogrametría de todo o terreo, contando con datos de alta resolución.