- Desde o seu impulso en 2021, a iniciativa autonómica non deixou de medrar, cun 78 % de usuarias mulleres e un 22 % de homes e case 600 novos rexistros este ano
- Lévanse programado un total de 160 accións formativas, incluídas os 24 do primeiro semestre deste 2026, que abordan a igualdade laboral, o acoso no traballo, a discriminación por xénero, a igualdade salarial ou os plans de igualdade
- A este proxecto súmase Iqual Campus, un proxecto transfronteirizo liderado pola Xunta e dirixido á cidadanía da eurorrexión Galicia–Norte de Portugal que tamén ten como finalidade reforzar e promover a igualdade de xénero no ámbito laboral
A Xunta de Galicia pon en valor as máis de 9.000 persoas usuarias do Campus formativo en igualdade laboral impulsado co gallo de avanzar na equidade real nas contornas de traballo. Así, desde a súa posta en marcha a finais do 2021, a iniciativa autonómica non deixou de medrar, cun 78 % de usuarias mulleres e un 22 % de homes e preto de 600 novos rexistros tan só no que vai de ano. Cómpre salientar que máis dun cento das persoas que se forman a través do Campus proceden de fóra de Galicia, o que evidencia a proxección e alcance do proxecto.
Desde o arranque da iniciativa, programáronse un total de 160 accións formativas, en concreto, 104 cursos e 66 talleres, incluídos os 24 do primeiro semestre deste ano. Estas accións de 2026 xiran arredor da igualdade laboral, do acoso no traballo, da discriminación por xénero ou da valoración de postos de traballo e o rexistro e auditoría retributiva. Tamén se aborda a igualdade salarial, os plans de igualdade, o certificado de excelencia en igualdade, os riscos psicosociais e a súa relación coas accións de conciliación ou as boas prácticas para a atracción e retención de talento e a promoción profesional con perspectiva de xénero.
Campus transfronteirizo
Cómpre mencionar tamén ao Iqual Campus-Campus Transfronteirizo de Igualdade Laboral, unha iniciativa formativa innovadora desenvolvida no marco do programa homónimo Interreg POCTEP (España–Portugal), que ten como finalidade reforzar e promover a igualdade de xénero no ámbito laboral. O proxecto nace co obxectivo de poñer en valor a igualdade de oportunidades no emprego mediante un sistema formativo especializado cun enfoque transfronteirizo, integrando a visión e a lexislación de España e Portugal.
A iniciativa materialízase tamén nun campus en liña, gratuíto e accesible desde calquera lugar, dirixido á cidadanía da eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. Liderado pola Xunta, no Iqual Campus participan tamén a Universidade de Santiago de Compostela, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, a Comunidade Intermunicipal do Cávado e a Universidade do Porto.
Os contidos formativos abordan cuestións clave como o dereito á igualdade de trato e á non discriminación no emprego, a conciliación corresponsable da vida persoal, familiar e laboral, a igualdade retributiva, a elaboración e aplicación dos plans de igualdade ou a integración da perspectiva de xénero na prevención de riscos laborais. Así mesmo, inclúense aspectos relacionados coa protección dos dereitos das persoas traballadoras vítimas de acoso ou violencia de xénero.

