― Ángeles Vázquez salienta a necesidade de desbloquear o desenvolvemento desta enerxía renovable para cumprir os obxectivos marcados pola UE para descarbonizar o sistema enerxético e reducir a dependencia dos combustibles fósiles
― Incide en que Galicia é a única comunidade que está a sufrir a inseguridade xurídica provocada polas suspensións de autorizacións e polas decisións do TSXG de pospoñer o ditado de sentencias e presentar unha cuestión prexudicial ante o TXUE
― Expón que o bloqueo actual está tendo graves consecuencias á hora de posicionar Galicia á vangarda das enerxías renovables pois pasou de ser líder en potencia eólica a ocupar a cuarta posición
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático puxo en valor que recoñecidos expertos xuristas avalaron a tramitación ambiental levada a cabo polo Goberno galego dos proxectos eólicos e urxiu a resolver a parálise que sofre o sector na Comunidade.
Durante a inauguración do foro técnico Reflexións sobre a situación do sector eólico en Galicia, Ángeles Vázquez salientou a necesidade de desbloquear o desenvolvemento desta enerxía renovable na Comunidade para dar cumprimento aos obxectivos establecidos pola Unión Europea de cara a descarbonizar o noso sistema enerxético así como para reducir a dependencia dos combustibles fósiles importados.
Nese senso, logo de lembrar o compromiso do Goberno galego cun modelo eólico sostible e respectuoso co medio ambiente, lamentou a parálise que está a sufrir o sector na Comunidade como consecuencia de decisións xudiciais que poñen en cuestión a tramitación levada a cabo en Galicia.
Na súa intervención, a conselleira incidiu en que Galicia é a única comunidade autónoma que está a sufrir inseguridade xurídica, que vén provocada polas suspensións de autorizacións e pola decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de pospoñer o ditado de sentencias. “En 11 anos de vixencia da Lei de avaliación ambiental estatal ningún tribunal español trasladou dúbidas sobre o procedemento”, engadiu Ángeles Vázquez.
Ademais, cómpre lembrar que, despois de que o Tribunal Supremo avalase en dúas sentencias a tramitación desenvolvida polo Goberno galego, o TSXG presentou unha cuestión prexudicial ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Nese punto, a conselleira insistiu na urxencia de que este procedemento, no que xa se personaron tanto a Xunta como o Goberno central, se dirima “o antes posible” dado que a súa resolución pode ter repercusións en todo o territorio español.
De feito, Ángeles Vázquez expuxo que o bloqueo actual está tendo “graves consecuencias” á hora de posicionar Galicia á vangarda das enerxías renovables. Tal e como explicou, a Comunidade era líder en potencia eólica, pero, a raíz das paralizacións xudiciais, caeu á cuarta posición.
Foro técnico
A maiores, a conselleira fixo fincapé no grande interese que xera a problemática que está a vivir o sector en Galicia como proba o feito de que o foro celebrado hoxe en Santiago de Compostela reunise a preto de 150 asistentes, entre promotores eólicos, representantes da administración local, expertos académicos e xurídicos así como funcionarios con responsabilidades nesta área. De feito, Ángeles Vázquez agradeceu o esforzo e responsabilidade dos técnicos autonómicos á hora de levar a cabo a tramitación dos procedementos eólicos.
Entre os participantes nesta xornada técnica estiveron a directora adxunta da Unidade de Enerxías Renovables do Sistema Enerxético da Unión Europea, Paula Rey, o presidente da Asociación Eólica Europea, José Luis Blanco, e o CEO de Windeurope, Giles Dickson.
Tamén se celebrou unha mesa redonda na que interviron o catedrático da Universidade de Navarra, Ángel Ruiz de Apodaca, e o da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Míguez Macho, así como o letrado da Asesoría Xurídica da Xunta, Carlos Abuín Flores.