- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, percorreu as instalacións de Termaria-Casa da Auga con representantes do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar no marco dunha rolda de visitas a empresas deportivas da comunidade para coñecer a súa actividade
- O Goberno galego cuantifica a dimensión económica do sector a través da Conta Satélite do Deporte, unha iniciativa pioneira a nivel autonómico levada a cabo en colaboración co Instituto Galego de Estatística
- Galicia conta con medio milleiro de empresas deportivas que xeran o 1% do PIB na comunidade con 16.000 empregos directos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe as instalacións de Termaria-Casa da Auga xunto co presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, Pedro Iglesias e a xerente do organismo, Sofía Toro, campioa olímpica de vela na categoría Elliot 6 metros nos Xogos Olímpicos de Londres 2012.
O acto enmárcase nunha rolda de visitas para coñecer a actividade prestada por empresas do sector do deporte, un ámbito estratéxico para a Xunta que en Galicia representa, o 1% do Produto Interior Bruto (PIB) con máis de 16.000 empregos directos e case 3.000 empresas vinculadas. Así o recolle a Conta Satélite do Deporte de Galicia publicada hai unhas semanas no Instituto Galego de Estatística (IGE). Esta iniciativa impulsada pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en colaboración co IGE é unha ferramenta pioneira a nivel autonómico para cuantificar a dimensión económica do sector.
O Goberno galego comparte co Clúster o obxectivo e o compromiso de situar o deporte galego nunha posición de liderado, polo que mantén unha estreita colaboración con este organismo no que se integran máis dun cento de empresas deportivas. A Xunta e a entidade colaboran en promover a práctica deportiva entre os colectivos con maior taxa de abandono do deporte e avanzar nun plan a medio prazo encamiñado a fomentar a actividade física en todas as franxas de idade coa meta de chegar en 2030 aos 2 millóns de persoas que practican actividade física.
Na súa visita á Casa de Auga, Diego Calvo percorreu as distintas zonas deste centro de fitness no que se combinan elementos dun centro deportivo tradicional cun de talasoterapia urbana e que dispón, nas súas distintas áreas, de piscinas, salas de fitness e actividades dirixidas, así como a zona co circuíto termal e a de tratamentos e fisioterapias.

