A xerente da Fundación Artesanía Galicia, Elena Fabeiro, asistiu á inauguración deste mercado de Nadal que se celebra ata mañá domingo na Coruña e no que participan unha selección de oito profesionais adheridos ao selo
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu hoxe á inauguración do evento Da Néboa Experience, un punto de encontro entre artesanía, gastronomía, arte, cultura e creatividade que se celebra ata mañá domingo na Coruña (Praza de María Pita, 18), en horario de 11,00 a 21,00 h.
A programación, que conta coa colaboración da Xunta, inclúe un mercado de Nadal no que participan unha selección de oito profesionais de Artesanía de Galicia especializados na sombreirería, na confección de roupa, no traballo do coiro, na cerámica, no papel e nos complementos. Os obradoiros artesanais seleccionados son Alberto Lista (Buño, Malpica de Bergantiños), Andión Clothing (Vedra), Degerónimo (Santiago de Compostela), Julia Vilariño (Pontedeume), Jatafarta (Santiago de Compostela), Mioco (A Coruña), Woodding (Boiro) e Zeltia ao aire (A Coruña).
Durante o acto, Elena Fabeiro destacou que este tipo de iniciativas serven para achegarlle á sociedade os valores da artesanía e os nosos oficios artesanais, así como impulsar novos modelos de comercialización, animar ao consumo de artesanía especialmente en épocas como as do Nadal e consolidar a imaxe de calidade e de autenticidade da marca Artesanía de Galicia.
Da Néboa Podcast
No marco do evento Da Néboa Experience estréase Da Néboa Podcast, un espazo apoiado pola Fundación Artesanía de Galicia que busca homenaxear os oficios artesanais unindo entretemento e aprendizaxe, un reclamo á posta en valor da autoría, da creatividade e do consumo consciente.
O primeiro dos nove capítulos do podcast estará protagonizado por Cristina Velasco Mora, titular do obradoiro artesanal Anaquiños de papel (A Coruña), especializado no origami e manipulación de papel que traslada a obxectos de decoración, complementos de moda e todo tipo de obxectos. Cristina Velasco resultou gañadora da Bolsa Eloy Gesto nos Premios Artesanía de Galicia 2018 e goza dun gran recoñecemento no ámbito do deseño e da artesanía a nivel nacional.