― O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, participou hoxe na conmemoración e entrega de condecoracións do Día da Policía, e incidiu na necesidade de completar o cadro de persoal da Policía Autonómica para facer fronte ás súas funcións como a prevención e investigación de incendios forestais ou a vixilancia dos Camiños de Santiago neste Xacobeo 21-22
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na celebración do Día da Policía que cada ano organizan de maneira conxunta a Policía Autonómica e a Policía Nacional con motivo do seu patrón, os Anxos Custodios. Na súa intervención agradeceu o traballo de todos os axentes para velar cada día pola seguridade da cidadanía galega contribuíndo a que Galicia sexa un destino seguro.
Na celebración do patrón da Policía tamén se entregaron as condecoracións anuais que, neste caso, tiveron un recoñecemento especial ao deán da Catedral de Santiago de Compostela, José Fernández Lago e ao coordinador de incendios forestais da Xunta, José María Carlés Muñiz. Ao acto tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez e o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal.
Na súa intervención, Diego Calvo incidiu na importancia da coordinación das forzas e corpos de seguridade, así como dos servizos de emerxencias, como se demostrou por exemplo este verán durante a vaga de lumes nos que tamén participou Policía Autonómica. En concreto, con 232 efectivos e 115 vehículos no marco do Comité Integrado de Prevención de Incendios Forestais (CIPIG). No que se refire ás tarefas de investigación, os axentes da Policía Autonómica manteñen unha colaboración constante coa Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural. De feito, ambos organismos colaboraron nunha vintena dos 189 incendios esclarecidos pola Policía Autonómica no que vai de ano con 48 persoas investigadas.
Nesta liña, o vicepresidente segundo agradeceu o implicación e o traballo de todos os axentes que axudan a que Galicia sexa un destino seguro para todos os galegos e galegas e tamén para os visitantes e os milleiros de peregrinos que percorren os distintos Camiños de Santiago neste Xacobeo 21-22. A presenza policial incide precisamente -sinalou Diego Calvo- en que Galicia se consolide como un lugar seguro situándose como unha das comunidades con menor índice de criminalidade.
A loita contra os incendios forestais e a protección das rutas xacobeas son dúas das competencias da Policía Autonómica ás que se suman funcións en materia de seguridade, operativos de loita contra o furtivismo e o marisqueo ilegal nos que participa o novo equipo subacuático formado por cinco axentes especializados, e actuacións de protección do patrimonio natural e cultural.
Por iso, lembrou que é preciso que o Goberno central atenda á demanda reiterada da Xunta e complete o cadro de persoal da Policía Autonómica coa publicación canto antes por parte do Ministerio do Interior do convenio que permita convocar o concurso de méritos para que esta unidade poda prestar o servizo ao que os galegos e galegas teñen dereito. A unidade atópase actualmente ao 73% da súa capacidade con 364 efectivos dos 500 previstos, o que supón un déficit de case un 30%.



