HomeXunta de GaliciaA Xunta pon o Premio Literario San Clemente como exemplo de impulso...

A Xunta pon o Premio Literario San Clemente como exemplo de impulso da lectura entre o alumnado

- Anuncio -spot_img

O secretario xeral da Lingua e o director xeral de Centros e Recursos Humanos aplauden as obras galardoadas: ‘Pel de cordeiro’ de Ledicia Costas, ‘La península de las casas vacías’ de David Uclés e ‘Misericordia’ de Lidia Jorge

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, participaron hoxe na presentación das tres obras galardoadas na XXIX edición do Premio Literario San Clemente Rosalía de Castro, promovido polo Instituto Rosalía de Castro. No acto, os representantes da Xunta destacaron e felicitaron ao alumnado de Bacharelato pola súa implicación na elección das obras distinguidas. Así mesmo, puxeron en valor este recoñecemento como un exemplo de participación xuvenil e de promoción da lectura entre a mocidade desde as aulas.

O Premio San Clemente recoñece tres modalidades: novela en galego, en castelán e en lingua estranxeira. As obras gañadoras nesta edición son Pel de cordeiro, de Ledicia Costas, na categoría de galego; no caso de obra en castelán obtivo galardón La península de las casas vacías, de David Uclés. Finalmente, en lingua estranxeira resultou galardoada Misericordia, de Lidia Jorge.

Nesta XXIX edición os premios son fallados polos estudantes dos institutos Rosalía de Castro de Santiago, Antón Losada Diéguez da Estrada, 12 de Outubro de Ourense, Isaac Díaz Pardo de Sada, o Sanxillao de Lugo, Antonio Fraguas de Santiago e Ramiro de Maeztu de Madrid, así como tres centros internacionais: o Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia), o Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña) e o Hockerill Anglo European College do Reino Unido.

Na súa intervención, o secretario xeral da Lingua da Conselleria de Cultura, Lingua e Xuventude incidiu na importancia de “achegar a lectura en galego a unha nova xeración de lectores” e destacou o alto nivel de todos os galardoados, así como o bo momento que vive o sector cultural na nosa Comunidade, tal e como reflicten os últimos recoñecementos a nivel nacional e internacional acadados polos creadores galegos.

Pola súa banda, o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñou tamén o compromiso do Goberno galego co fomento da lectura nos centros educativos, lembrando que o novo Plan de lectura, escritura e acceso á información, integrado nas liñas de actuación do Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, ten entre os seus obxectivos principais reforzar a competencia lectora e consolidar hábitos lectores entre o alumnado.

Publicacións Relacionadas