- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria deste programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes abrirá o vindeiro 7 de febreiro e prolongarase ata o 30 de setembro
- As axudas, que poden chegar aos 10.000 euros, están dirixidas aos primeiros momentos de inicio da actividade
- Só no último ano, resolvéronse favorablemente 150 solicitudes de 29 países, cun importe total de 1,2 M€
- Coincidindo con esta publicación no DOG, o secretario xeral da emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe en Santiago o negocio dunha galega retornada
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria das Axudas ao Retorno Emprendedor, que contará cun orzamento dun millón de euros e permitirán contar cun apoio económico de ata 10.000 euros para poñer en marcha un proxecto empresarial. Estas axudas destínanse aos galegos que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, e teñen como obxectivo poder sufragar gastos orixinados pola posta en funcionamento dun negocio.
As axudas serán de 6.000 euros, aumentable en 1.000 se a persoa beneficiaria é muller, e outros 3.000 se a empresa se pon en marcha nun concello do rural. Deste xeito, unha persoa solicitante pode chegar ata os 10.000 euros de apoio para a posta en marcha do seu negocio, de maneira que poida fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así, ademais, o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.
Estas axudas, que poden solicitarse desde o vindeiro 7 de febreiro ata o 30 de setembro, permitiron que, nos últimos anos, se destinaran desde a Secretaría Xeral da Emigración máis de 5,4M€ para a posta en marcha de máis de 800 proxectos empresariais en Galicia.
Este tipo de iniciativas facilitan o acollemento a quen desexa iniciar unha nova vida en Galicia, recordando que as persoas interesadas tamén poden informarse de todo tipo de axudas ao retorno nas Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno con sede nas principais cidades galegas. Agora tamén, nunha oficina móbil que percorre toda Galicia. A nova convocatoria busca reforzar os resultados acadados durante a última década, na que se teñen recibido solicitudes procedentes de medio cento de países dos cinco continentes, entre os que sobresaen Venezuela, O Reino Unido, A Arxentina, Suíza, México ou O Brasil. As axudas outorgadas —que no último ano acadaron unha media de 8.000 € por beneficiario— foron complementadas polos servizos de mentoría ofrecidos a través do Programa Merlo e das propias oficinas da Rede de polos, reforzando así o acompañamento permanente para garantir o éxito das iniciativas, máis da metade orientadas ao consumidor final, respondendo así ás necesidades do mercado local.
Só no último ano, resolvéronse favorablemente 150 solicitudes de 29 países, cun importe total de 1,2 M€ —tras unha ampliación orzamentaria do 25 % para atender todas as solicitudes— destinados a apoiar novos proxectos emprendedores en 54 concellos, o 85 % deles en áreas rurais. Esta cifra marca un récord histórico en termos de beneficiarios nunha única convocatoria na que, ademais, se consolida a progresiva feminización do emprendemento, acadando a paridade por xénero.
O caso de Angélica: Un exemplo de emprendemento e retorno
Coincidindo coa publicación destes apoios no DOG, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou hoxe en Santiago de Compostela o negocio de Angélica Barciela, unha galega retornada de Venezuela en 2023 tras recibir unha axuda extraordinaria ao retorno, que lle permitiu establecerse en Galicia xunto ao seu home e os seus fillos. Agora Angélica quere seguir avanzando na súa nova vida en Galicia e decidiu poñer en marcha un proxecto empresarial para o que solicitará a Axuda ao Retorno Emprendedor. Historias como a súa demostran o impacto real das políticas de retorno da Xunta, que acompañan ás familias galegas no seu proceso de regreso, integración e desenvolvemento profesional.
Estratexia Galicia Retorna
Galicia é unha rexión pioneira a prol das políticas de retorno, impulsando medidas tanto no eido da conta propia como allea para facer fronte ao reto demográfico e responder a desafíos estruturais como a cobertura de vacantes e a remuda xeracional. Así, no marco da Estratexia Galicia Retorna, a Xunta tamén ten en marcha outras accións, como a atracción de perfís altamente cualificados a través das Bolsas BEME —cuxa 9ª convocatoria se pode solicitar ata o vindeiro 30 de abril— que permiten á mocidade do exterior completar a súa formación académica en Galicia para posteriormente inserirse no mercado laboral ou valorar o emprendemento. Na folla de ruta, tamén destaca o Programa Retorna Cualifica Emprego, tamén coa segunda edición en marcha cun orzamento de 2,3 millóns de euros co obxectivo de beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos deica finais de 2025. Así mesmo, ofrécense axudas extraordinarias para establecerse en Galicia, das que xa se beneficiaron 4.500 familias cun orzamento global de 13 millóns de euros.