HomeXunta de GaliciaA Xunta presenta a case 70 clubs da Coruña a plataforma solidaria...

A Xunta presenta a case 70 clubs da Coruña a plataforma solidaria “Terra Move” como ferramenta de mecenado deportivo en colaboración coa Fundación Amare Terra

- Anuncio -spot_img
  • O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, deu a coñecer esta iniciativa que conta cunha achega de 250.000 euros do Goberno galego para que clubs, federacións e deportistas poidan recibir os fondos recadados para os seus proxectos
  • Xa hai 200 inscritos na plataforma e unha trintena de campañas activas desde a súa posta en marcha

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na presentación a case 70 clubs, deportistas e federacións da Coruña da plataforma solidaria Terra Move destinada a facilitar o mecenado e a captación de fondos no ámbito deportivo.

Trátase dunha ferramenta de mecenado deportivo gratuíta, innovadora e solidaria, impulsada pola Xunta en colaboración coa Fundación Amare Terra para que estes colectivos poidan conseguir fondos e recursos. O Goberno galego inviste nesta iniciativa 250.000 euros, o 45% do custo previsto para o período 2025-2027, no que se desenvolverá ata a súa consolidación e proxección.

Tal e como explicou Diego Calvo na reunión a plataforma permite mellorar o financiamento de clubs e deportistas co obxectivo de que “só teñan que preocuparse por adestrar e acadar os mellores resultados” coa garantía de que contan cun respaldo e apoio económico para sacar adiante os seus proxectos. Ao mesmo tempo, este instrumento pioneiro en España beneficia aos patrocinadores, ao poder desgravar polas achegas realizadas.

Dende o seu lanzamento, como explicou o conselleiro, Terra Move xa conseguiu 30 campañas activas, algunhas delas completadas con éxito como a da ximnasta Melania Rodríguez para conseguir patrocinador ou a do Kayak Tudense para adquirir equipamento. A isto súmanse os 200 deportistas e clubs rexistrados en distintas fases do proceso á espera de novas campañas. Por iso, o conselleiro agarda que esta medida beneficie tamén ao tecido deportivo da provincia da Coruña polo seu papel relevante no deporte galego, ao contar con máis de 700 deportistas de alto nivel -máis do 40% de toda Galicia-  e máis de 2.500 clubs, que tamén representan case o 40% do total.

Terra Move permitirá que calquera persoa ou calquera empresa poida apoiar ao deporte galego desde o seu teléfono móbil, en só segundos, e coa doazón formará parte dun proxecto. Cada entidade rexistrada recibirá de xeito directo os fondos e recursos que se recaden como doazóns para as súas respectivas campañas. Pola súa banda, as doazóns realizadas a través da plataforma poderán beneficiarse das deducións fiscais previstas na lexislación española.

Publicacións Relacionadas