- As entidades locais poderán solicitar en febreiro achegas de ata 60.000 euros para impulsar refuxios climáticos a nivel local, aumentar a biodiversidade dos espazos urbanos e mellorar as súas contornas verdes e fluviais, entre outras accións
- Ángeles Vázquez salienta que Galicia xa é a primeira comunidade autónoma en contar cun instrumento propio de planificación e actuación para poñer en valor os ecosistemas urbanos e mitigar os efectos derivados do quecemento global
- Incide na transversalidade do documento xa que o seu desenvolvemento implicará accións nos ámbitos do territorio, do patrimonio natural e da acción climática
A Estratexia Galega de Infraestrutura Verde e da Conectividade e a Restauración Ecolóxicas (EGIVCRE) entrou hoxe oficialmente en vigor e a Xunta comezará a dar os primeiros pasos de cara á súa aplicación práctica, coa publicación, a semana que vén, da convocatoria da primeira orde de axudas para apoiar aos concellos no fomento de proxectos para o impulso das infraestruturas verdes nos espazos urbanos e periurbanos.
Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que durante a clausura da xornada de presentación da Estratexia explicou que esta liña de axudas pioneira busca promover espazos verdes e outras solucións baseadas na natureza para previr os efectos do cambio climático.
Cun orzamento global de 2 millóns de euros e un importe máximo de 60.000 euros por proxecto, entre os tipos de iniciativas subvencionables cómpre citar a plantación de especies autóctonas que, xunto co uso de pavimentos naturais, contribúan a crear refuxios urbanos que atenúen o efecto “illa de calor”; a creación de novos espazos como fachadas, cubertas, muros e balcóns verdes así como xardíns verticais para incrementar a biodiversidade urbana; ou o acondicionamento e mellora das infraestruturas verdes (sendas, parques etc) e azuis (ríos) que rodean estas zonas, entre outras.
Acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, a conselleira explicou que estas axudas servirán tamén para impulsar a Rede Local para o Clima, unha iniciativa que a Xunta puxo en marcha o ano pasado para involucrar aos concellos galegos no reto compartido de consolidar Galicia como unha comunidade resiliente ante os efectos do cambio climático.
Ao respecto, recordou que a finalidade é implicar de forma directa ás administracións municipais na consecución dos grandes obxectivos climáticos xa que os seus esforzos e logros na escala local teñen efectos moi positivos tamén a nivel global.
Así mesmo, a conselleira aproveitou a súa intervención para resaltar a importancia de fomentar a conectividade coas áreas urbanas dos espazos naturais con maior valor ambiental de Galicia, xa que son un elemento clave á hora de reforzar a súa resiliencia e condición de refuxio climático. Para preservalos e contribuír á súa posta en valor, recordou que a Consellería está a impulsar un plan integral de acción na Rede galega de parques naturais, con investimentos comprometidos por 18,5 millóns de euros ata 2026.
De feito, Ángeles Vázquez incidiu no carácter transversal da estratexia presentada hoxe, que vai en liña coa normativa europea, estatal e galega e aspira a supoñer un cambio de paradigma na ordenación territorial e no compromiso coa protección da natureza fronte aos retos do quecemento global a través dunha combinación de accións a executar desde a tripla perspectiva do territorio, do patrimonio natural e do cambio climático.
A xornada contou coa participación de arredor de 150 persoas entre técnicos, representantes municipais, investigadores das tres universidades galegas, membros de distintos colexios profesionais, entidades e empresas, cargos públicos e funcionarios de varios departamentos da Xunta, entre outros.
Unha rede territorial continua
A Estratexia Galega de Infraestrutura Verde ten como obxectivo a creación dunha rede territorial continua de espazos e elementos, estimada en máis de 1 millón de hectáreas, que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien ás poboacións das contornas.
Trátase dun instrumento de planificación único en España que abarca o conxunto da Comunidade, pero que fai especial fincapé nas cidades, porque son as que se estima que emiten entre un 40% e un 70% de gases de efecto invernadoiro.
Por iso, as cidades deben contar con espazos verdes urbanos que repercutan na redución das emisións á atmosfera e na mellora da calidade de vida da cidadanía, conseguindo unha transformación das vilas e urbes galegas en espazos amables para vivir, máis confortables e que redunden positivamente na saúde dos seus residentes.
Co fomento das chamadas infraestruturas verdes o que se busca é minimizar a presenza de equipamentos e infraestruturas de cemento e aumentar a vexetación nas cidades xa que axuda a mitigar os efectos do cambio climático no planeta e, ao mesmo tempo, ten beneficios directos para as persoas.
Asemade, a través da Infraestrutura Verde reforzarase a posición de Galicia como refuxio climático e destino turístico verde e sostible e contribuirá a situar á Comunidade nunha posición vantaxosa para poder captar fondos europeos orientados á recuperación ambiental xa que as institucións comunitarias están a impulsar iniciativas de cara a restaurar a saúde dos ecosistemas, deter a perda da biodiversidade e mitigar os efectos do cambio climático á vez que se impulsa unha economía máis sostible.
Como experiencias piloto e en liña cos obxectivos da EGIVCRE, cómpre lembrar que a Xunta participa xa, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), en dous proxectos europeos relacionados coas infraestruturas verdes.
Son, en concreto, o Green Gap para a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, financiado a través do Poctep 2021-2027 e que busca que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes nesta área transfronteiriza, e o proxecto GIFT, coordinado polo IET e con 10 socios europeos, que pon especial énfase nos bosques e paisaxes que albergan estes territorios, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima ou a auga.