HomeXunta de GaliciaA Xunta presenta a Guía de Boas Prácticas "Prevención das enfermidades da...

A Xunta presenta a Guía de Boas Prácticas “Prevención das enfermidades da voz no ámbito laboral” dirixida a persoas teleoperadoras, locutoras ou docentes

- Anuncio -spot_img
  • A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na Coruña na presentación desta guía e dos materiais divulgativos asociados onde se recollen medidas preventivas, consellos e exercicios  
  • Complementa as actuacións xa iniciadas polo Issga en anos anteriores, tales como a realización de cursos formativos e a publicación dun manual de apoio para as profesións que empregan a voz co gallo de avanzar na mellora da xestión preventiva

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na Coruña na presentación da guía de boas prácticas Prevención das enfermidades da voz no ámbito laboral, así como dos materiais divulgativos asociados onde se recollen as medidas preventivas, consellos e exercicios prácticos que se deben adoptar nos postos de traballo que supoñen o uso continuado da voz. Na súa intervención, a xerente sinalou que na avaliación de riscos de postos como os das persoas teleoperadoras, locutoras ou docentes deben considerarse as condicións materiais e ambientais dos espazos de traballo, as condicións persoais do persoal e as cuestións organizativas que poidan afectar para adoptar medidas preventivas.

A guía que se presenta hoxe —elaborada por especialistas en logopedia, medicina de traballo e persoal técnico en prevención de riscos laborais do Issga— busca ser unha referencia para as empresas e o persoal traballador, tanto a nivel colectivo para a identificación dos factores de risco e a adopción de medidas na contorna física e organizativas, como a nivel individual con exercicios prácticos e consellos para o mantemento dunha voz sa. Destácase tamén o papel que ten a vixilancia da saúde laboral para unha detección precoz destes danos, así como dos procedementos para a xestión dos casos e de reincorporación ao traballo. 

Como exemplos, apóstase a nivel organizativo por avaliar a carga vocal á que están expostas as persoas traballadoras, reallizar unha distribución equilibrada do traballo para evitar a sobrecarga da voz, elaborar un programa de pausas e descansos ou un plan de formación inicial e periódico sobre o uso da voz. A maiores, avógase por controlar os factores de risco psicosociais, dotar de medios técnicos para diminuír o uso da voz (taboleiros dixitais,etc.) ou proporcionar micrófonos e altofalantes adecuados.

Canto ás medidas preventivas na contorna física, ínstase a controlar e reducir o nivel de ruído ambiental, a mellorar a acústica da contorna laboral, controlar as condicións de temperatura e humidade evitando as correntes de aire e garantindo unha ventilación adecuada e adecuando o ratio de persoas/alumnado por sala.

No referido ás medidas preventivas persoais, cómpre realizar exercicios para quentar a voz antes da xornada laboral e para arrefriala ao finalizar, así como non fumar e evitar tomar café nos descansos. Nese senso, avógase por aproveitar as pausas para descansar a voz, por beber auga en cantidade suficiente e regularmente durante a actividade laboral e por realizar controis de vixilancia da saúde específicos en relación co risco derivado do uso mantido e continuo da voz, para a detección precoz de posibles patoloxías vocais.

Nesa liña, o material presentado hoxe persegue dar a coñecer tamén os trastornos da voz, identificando os factores de risco relacionados e propoñer medidas preventivas específicas. Tamén difundir técnicas para mellorar o uso da voz considerando catro aspectos fundamentais: hixiene postural, respiración, proxección e arrefriado vocal. 

Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027

A Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027, en liña cos marcos estratéxicos europeo e español, pon o foco na necesidade de seguir traballando para reducir as enfermidades profesionais, intensificando as actuacións de investigación, sensibilización, formación, seguimento e control que permitirán afondar nas súas causas e así coñecer, propoñer e difundir as medidas preventivas máis axeitadas.

Esta guía complementa as actuacións xa iniciadas polo Issga en anos anteriores, tales como a realización de cursos formativos e a publicación dun manual de apoio para as profesións que empregan a voz co gallo de avanzar na mellora da xestión preventiva por parte das empresas e na sensibilización das persoas traballadoras que coa aprendizaxe de técnicas sinxelas poden incidir no coidado da súa ferramenta de traballo.

Ligazón á guía de boas prácticas:

https://issga.xunta.gal/gl/biblioteca/prevencion-das-enfermidades-da-voz-no-ambito-laboralguia-de-boas-practicas

Publicacións Relacionadas