HomeXunta de GaliciaA Xunta presenta en Asturias a súa estratexia de apoio á artesanía...

A Xunta presenta en Asturias a súa estratexia de apoio á artesanía de Galicia con motivo do 8 de marzo

- Anuncio -spot_img

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, participou hoxe na xornada Raíz e oficio. Mulleres artesás no rural que se celebra en Mieres (Asturias), na que falou do proxecto Enredadas como exemplo de boas prácticas replicable noutros colectivos de artesás

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na xornada Raíz e oficio. Mulleres artesás no rural impulsada por Escenarios para el Arte (Esart) da Universidade de Oviedo, na Asociación Cultural Serondaya de Cenera (Mieres), con motivo do 8 de marzo. Durante a súa intervención, Elena Fabeiro presentou a estratexia do goberno galego en materia de artesanía e as principais liñas de apoio ao sector que, no caso de Galicia, é maioritariamente feminino xa que as titulares de máis do 60% dos obradoiros artesanais galegos son mulleres.
Fabeiro presentou tamén diferentes proxectos de boas prácticas, como é o caso de Enredadas, dirixido a diversificar o traballo das redeiras artesás galegas, como unha iniciativa extrapolable a outros colectivos de mulleres noutros sectores.
Enredadas é un proxecto de boas prácticas desenvolvido en colaboración coa Consellería do Mar desde o ano 2012 e galardoado co Premio Promociona Entidades Públicas nos Premios Nacionais de Artesanía 2016. Está enfocado a diversificar o oficio tradicional das redeiras artesás galegas, para facilitarlles a apertura de novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración. A través de cursos de formación especializada e continuada, redeiras artesás de diferentes localidades galegas tiñan a posibilidade de acadar unha renovación desta actividade tradicional e un incremento dos seus ingresos.
Na xornada participaron tamén representantes doutros organismos vinculados á artesanía como Laura Baumann, do European Craft Council; Amaya Barahona, vicepresidenta de Foacal e presidenta da asociación Oficio y Arte; e Adriana Campo, de Labois e Sello de Autor. A programación continúa pola tarde cunha conversa sobre artesanía, muller e territorio e diferentes actuacións musicais.

Publicacións Relacionadas