- O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron hoxe na presentación da 26ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico
- A cita, que se celebrará en Expourense entre o 20 e o 23 de novembro, volverá servir de escaparate dos mellores produtos galegos do mar e da terra, ademais de dar a coñecer iniciativas vinculadas co cooperativismo e coa economía social
- Contará con 70 expositores de España, Portugal, Venezuela e O Perú e, como novidade, recrearase un Mercado Enogastronómico con pratos galegos e internacionais
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron hoxe en Ourense na rolda de prensa de presentación da 26ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, que se celebrará entre o 20 e o 23 de novembro en Expourense co apoio da Xunta. Alí, puxeron en valor a cita como referente feiral en Ourense e como expoñente do potencial da industria alimentaria canto a xeración de riqueza e emprego, tamén no eido da economía social, cun posto específico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que promocionará proxectos concretos de cooperativismo.
Na rolda de prensa de hoxe, os representantes autonómicos destacaron que esta nova edición de Xantar volverá poñer en valor os nosos produtos do mar e da terra a través de actividades como obradoiros de cociña, catas comentadas e degustacións e, como novidade, cun Mercado Enogastronómico que incluirá pratos galegos e internacionais. Todo isto coa implicación —segundo salientou o director xeral— de axentes primordiais como as prazas de abastos, principais escaparates do produto fresco, de calidade e proximidade.
Gabriel Alén aproveitou para poñer de relevo Expourense como punto neurálxico da cidade e como dinamizador local a través de iniciativas como Xantar que —fixo fincapé— se vén consolidando como un referente no turismo gastronómico internacional atraendo participantes de toda España, Portugal e Iberoamérica. De feito, contará con 70 expositores da península e de Venezuela e O Perú.
Ademais, a Xunta participará nesta 26ª edición do Salón Internacional do Turismo Gastronómico cun stand de Turismo de Galicia de deseño de 28 m² no que se difundirán os recursos turísticos da Comunidade, especialmente dos relacionados coa enogastronomía.
Sabor a mar
A Consellería do Mar levará a cabo un amplo programa de actividades con catas de produtos pesqueiros galegos da man de prestixiosos profesionais da cociña no marco da campaña GALICIA SABE AMAR. Os asistentes poderán degustar produtos como o mexillón certificado pola Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia, a pescada do pincho de Burela, o bonito do norte, o rodaballo ou as algas. A estes alimentos sumaranse outros procedentes da pesca artesanal e identificados co selo PescadeRías, de onde senón?, que pon en valor a calidade e sabor dos produtos do mar de proximidade.
O obxectivo destas actividades é poñer en valor as excepcionais cualidades culinarias do peixe e marisco que ofrecen as rías galegas, así como a súa versatilidade a través de distintas e atractivas formas de elaboración. Tamén buscan promover o seu consumo e divulgar os importantes beneficios que ofrecen estes alimentos a nivel nutricional e para a saúde dos consumidores dado que a súa presenza dentro dunha dieta equilibrada contribúe a previr doenzas e enfermidades.



