— No primeiro período de execución da Estratexia galega de cambio climático e enerxía, Galicia executou 139 das medidas previstas e un investimento de 1.140 M€
— Desde a aprobación da EGCCE, as emisións netas de gases de efecto invernadoiro baixaron un 19,5%, tres veces máis que a media española e que a europea, e a Comunidade acadou con cinco anos de antelación os obxectivos marcados pola UE
A Xunta prevé aprobar este ano unha nova planificación integrada con medidas transversais para seguir desenvolvendo a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 (EGCCE 2050), coa finalidade de actualizar e revisar as súas liñas de actuación e os obxectivos co reto final de que a Comunidade poida acadar a neutralidade climática no horizonte do ano 2040.
Así o adiantou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, tras entregarlle ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, o informe de execución do I Plan rexional integrado de enerxía e clima 2019-2023, que constata que máis do 90% da planificación e investimentos previstos foron executados.
Tal e como explicou a conselleira, durante este primeiro período de execución leváronse a cabo 139 medidas específicas nos eidos da mitigación das emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI), da adaptación aos seus impactos, da investigación das posibles causas e efectos e da sensibilización social, cun investimento executado de 1.140 millóns de euros que contribuíron a que Galicia lograra avances notables nesta materia.
Unha vez finalizado este primeiro período de execución, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático impulsou a elaboración do II Plan rexional integrado de enerxía e clima 2024-2030, que se ocupará de manter a Galicia na mesma senda e de acelerar a consecución da neutralidade climática no horizonte do ano 2040.
Neste sentido, Ángeles Vázquez salientou que a aposta da Xunta por equilibrar as emisións e absorcións de GEI a través de sistemas naturais xa se reflicte en estatísticas importantes que a sitúan nunha posición destacada a nivel nacional e mesmo europeo.
A modo de exemplo, destacou que en 2022 (últimos datos dispoñibles) Galicia foi a Comunidade que experimentou unha maior redución das emisións contaminantes netas, cun descenso do 59,8% respecto a 1990 —ano que se toma como referencia a nivel mundial para as políticas climáticas— e recalcou que, deste xeito, conseguiu “cinco anos antes” o obxectivo marcado por Europa neste eido.
Ademais, analizando só a evolución GEI desde 2019, ano de aprobación da EGCCE, o comportamento galego foi tamén mellor que o do Estado e que o da UE. De feito, mentres que en 2022 Galicia reduciu as súas emisións brutas contaminantes nun 19,5%, en España baixaron un 6% e na Europa dos 27 un 6,1%.
De cara ao próximo horizonte temporal e tendo en conta que a propia estratexia foi concibida como un instrumento que debía someterse a avaliación continua para introducir os axustes necesarios, a Xunta está a ultimar a súa execución e actualización a través do II Plan rexional integrado 2024-2030.
Neste sentido, a conselleira avanzou que no novo período se reforzará o papel da Comisión Interdepartamental para o impulso e coordinación da EGCCE co fin de afianzar o seu carácter transversal e fomentar a cooperación entre todos os axentes e departamentos da Xunta implicados na mesma. Igualmente, apostarase pola coordinación coas administracións locais a través da Rede local polo clima e co tecido económico e social mediante a Alianza Galega polo Clima.
De igual xeito, o novo plan terá como prioridades afondar na mitigación dos GEI para equilibrar a diferencia entre as emisións e as absorcións para avanzar na neutralidade, apostar pola adaptación dos sectores primarios máis afectados polo cambio climático e impulsar medidas que reduzan as súas consecuencias para a saúde humana, como, por exemplo, o impulso ao Observatorio de saúde e clima para recompilar información e datos que axuden a advertir á cidadanía de posibles fenómenos adversos.

