HomeXunta de GaliciaA Xunta prevé aprobar no primeiro trimestre deste 2026 o novo decreto...

A Xunta prevé aprobar no primeiro trimestre deste 2026 o novo decreto que institucionará o diálogo social en Galicia adaptándoo ás novas realidades laborais

- Anuncio -spot_img
  • A nova norma busca dotar o Diálogo Social de maior transversalidade, potenciándoo como ferramenta estratéxica para abordar cuestións de calado como a prevención de riscos laborais e do absentismo inxustificado, a igualdade ou o benestar laboral
  • No seo do Diálogo Social, este ano darase forma tamén á nova Estratexia galega de responsabilidade social empresarial, ao tempo que se avanza na Estratexia de emprego feminino en sectores masculinizados

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, presidiu esta mañá unha nova xuntanza da Mesa do Diálogo Social, que tratou o estado de tramitación do decreto que permitirá institucionalizar o Diálogo Social en Galicia, co obxectivo de telo aprobado neste primeiro trimestre de 2026. Segundo destacou o conselleiro, a norma que regulará por primeira vez a Mesa de Diálogo Social de Galicia persegue dotar este espazo de maior transversalidade e adecualo ás novas realidades laborais, potenciándoo como ferramenta estratéxica para abordar cuestións de calado para a nosa Comunidade como a prevención de riscos laborais e do absentismo inxustificado, a igualdade laboral ou o benestar laboral, entre outras.

Na reunión, á que estaban convocados o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, o secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores (UXT), Cristóbal Medeiros, e a secretaria xeral de Comisións Obreiras Galicia (CCOO), Amelia Pérez, o titular de Emprego celebrou que o ano 2025 pechase cun decembro histórico, tanto no referido á cifra de persoas desempregadas como no relativo ás afiliacións á Seguridade Social. De cara ao exercicio que comeza, sinalou que se seguirá avanzando na procura de consensos e reforzando o Diálogo Social coa patronal e coas centrais mencionadas, ante a negativa da CIG a participar nestas reunións.

En relación ao novo decreto, reflectirá as funcións e composición da Mesa de Diálogo Social, que consta de Presidencia, Vicepresidencia, Secretaría e Vogalías e o seu funcionamento a través do pleno, da comisión delegada e das mesas sectoriais e intersectoriais. Tamén servirá para actualizar a composición das mesas que compoñen o Diálogo Social e nas que figuran diferentes consellerías.

Así, segundo destacou González, actualmente existe a Mesa de Emprego (cos grupos de traballo de Políticas activas de emprego e flexibilidade da formación, prevención de riscos laborais e absentismo laboral e Igualdade laboral) e a Mesa de Economía e Industria (cos grupos de traballo de Industria e enerxía, Naval e Automoción). No caso do grupo específico sobre o absentismo constituído dentro do Diálogo Social, por exemplo, estase traballando conxuntamente e en colaboración coa Consellería de Sanidade na procura de solucións que favorezan a produtividade empresarial e blinden os dereitos das persoas traballadoras.

Futuras estratexias

Á prevención do absentismo laboral inxustificado tamén se atenderá na Estratexia galega de responsabilidade social empresarial, que se deseñará este ano co foco no benestar laboral. Outra medida que se está abordando no Diálogo Social é a futura Estratexia de emprego feminino en sectores masculinizados, coa que se busca promover a incorporación, permanencia e promoción profesional das mulleres en ámbitos laborais onde a súa presenza segue a ser minoritaria.

Con ferramentas coma estas, resaltou González, quérese consolidar Galicia como unha Comunidade que aposta polo diálogo e polo consenso, así como pola procura de acordos entre os representantes das empresas e das persoas traballadoras. 

Publicacións Relacionadas