― José González destacou que esta iniciativa é pioneira a nivel estatal e que se está a estender tamén á electricidade e á telefonía para avanzar na simplicidade, axilidade e eficacia do proceso de reclamación en beneficio dos consumidores
― Este sistema enmárcase no labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que conmemora os seus 30 anos de andaina e que no 2024 atendeu máis de 37.500 consultas e tramitou máis de 20.200 reclamacións
― La Crisálida e Calzados Yolanda forman parte dos 12 establecementos da cidade herculina e dos máis de 80 da provincia da Coruña que contan con esta opción
― O conselleiro subliñou o esforzo de Galicia a prol do comercio local co novo Plan estratéxico 2025-2030, que abarcará distintos apoios lanzados esta semana como os destinados aos CCA e á dixitalización, innovación e sustentabilidade do sector
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, xunto co director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá os establecementos La Crisálida e Calzados Yolanda para comprobar o funcionamento do proxecto piloto de reclamacións dixitais en materia de consumo a través de QR. Estes comercios, nos que tamén estiveron o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e representantes municipais e do tecido comercial da cidade, forman parte dos máis de 170 establecementos que contan con este sistema en toda Galicia e que a Xunta prevé aumentar ata o milleiro ao longo deste ano.
Alí o conselleiro puxo a estes establecementos como exemplo da remuda xeracional que dá continuidade ao esencial comercio de proximidade e explicou que o proxecto piloto de reclamación dixital é unha iniciativa pioneira a nivel estatal, que se está a estender ao comercio local, así como á subministración eléctrica e telefonía -estes dous últimos os máis numerosos en materia de reclamacións da cidadanía-. Deste xeito, subliñou, o Goberno galego continúa avanzando na simplicidade, axilidade e eficacia do proceso de reclamación en beneficio dos consumidores, ao tempo que se ofrece ás empresas unha ferramenta áxil de comunicación cos seus clientes. Neste sentido, explicou que as reclamacións dixitais complementan ás actuais follas de reclamacións existentes nos establecementos e con elas evítase ter que solicitar expresamente a entrega da folla de reclamación, podendo facerse unha vez fóra do comercio ou mesmo na casa.
Funcionamento do sistema dixital
As reclamacións poden presentarse de maneira dixital a partir do escaneo dun código QR que dirixe a un formulario virtual no que cumprimentar os datos persoais e o motivo da reclamación, que será remitida de maneira electrónica á empresa. De forma automática, recíbese un correo electrónico dando conta do día e da hora da presentación da reclamación e indicando que se abre un prazo dun mes para que a empresa remita contestación. Transcorrido o prazo dun mes sen obter resposta ou de ser esta insatisfactoria, a persoa poderá dirixirse directamente ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia e presentar unha nova reclamación a través dun enlace que xa se inclúe no propio correo e que recolle os datos cubertos na primeira reclamación ante a empresa.
O conselleiro explicou que este proxecto piloto, que na cidade da Coruña está presente en 12 establecementos e na provincia en máis de 80, enmárcase no labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, que conmemora os seus 30 anos de andaina e que é clave na resolución dos conflitos en materia de consumo. Así, no 2024 atendeu máis de 37.500 consultas e tramitou máis de 20.200 reclamacións e a Xunta reforza o seu labor este ano cun orzamento de 7,4 M€.
Aposta polo comercio local
Esta aposta, engadiu o conselleiro, compleméntase co forte compromiso do Executivo autonómico co comercio local como eixo fundamental do crecemento económico da comunidade, co novo Plan estratéxico 2025-2030, que estará rematado no primeiro trimestre deste ano e que abarcará distintos apoios. Entre eles, os destinados aos centros comerciais abertos (CCA) dos que a convocatoria deste ano conta con 2,5 M€ e o prazo de presentación de solicitudes arranca o próximo 19 de febreiro. Ademais, o Goberno galego ofrece axudas para impulsar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos cunha convocatoria que este ano estará dotada con preto de 4 M€ e que se publicará este venres no Diario Oficial de Galicia.
Neste contexto, José González fixo fincapé no intenso esforzo que está a realizar o Goberno galego para impulsar o comercio local e que o ano pasado se traduciu en máis de 10,4 M€ de fondos exclusivamente propios. Neste sentido, subliñou que é necesaria unha maior colaboración e asignación de fondos europeos reservados e sen executar por parte do Goberno central como xa demandou Galicia o mes pasado nunha reunión coa secretaria de Estado de Comercio.