HomeDezaAgoladaA Xunta promoverá o uso de pezas de Artesanía de Galicia na...

A Xunta promoverá o uso de pezas de Artesanía de Galicia na gastronomía e na restauración durante o corazón da artesanía de Agolada

- Anuncio -spot_img

― A programación do XII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará do 4 ao 6 de xullo nos Pendellos de Agolada, inclúe showcookings de recoñecidos chefs galegos nos que se empregarán pezas de Artesanía de Galicia

― No marco do proxecto Artesanía no Prato está programada tamén unha demostración de coctelería a cargo de Willy Gómez na que se empregarán as pezas de Laura Delgado gañadoras do Premio Artesanía de Galicia 2022

― Ademais desenvolverase un curso de Deseño de útiles para a mesa, impartido polo artesán Santiago Besteiro

A Xunta promoverá a incorporación de pezas de Artesanía de Galicia á gastronomía e á restauración, como parte do seu proxecto Artesanía no Prato, durante o XII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia Corazón da Artesanía, que se celebrará nos Pendellos de Agolada (Pontevedra), do 4 ao 6 de xullo. O programa de actividades incluirá showcookings de recoñecidos chefs e unha demostración de coctelería, así como un curso de formación dirixido a artesáns sobre elaboración de útiles para a mesa, impartido por Santiago Besteiro.

Nun espazo único, as chefs Begoña Vázquez e Iria Espinosa, así coma os cociñeiros Jorge Gago e Héctor López realizarán demostracións culinarias nas que empregarán como soporte pezas de 10 obradoiros de Artesanía de Galicia. Haberá pezas de cerámica dos obradoiros de Buño (Malpica de Bergantiños) Alberto Lista e Alfarería Rulo; Cerámica Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Laura Delgado (Cambre), Ojea Studio (Vigo) e Susana Anta (A Coruña); coitelos de Celso Ferreiro (A Fonsagrada); pezas de coiro de Eferro (Merza, Vila de Cruces); e pezas de madeira elaboradas por Atalanta Madera (A Estrada) e Carballo Estrela (Pontevedra).

As sesións de showcookings iniciaranse o venres 4 de xullo con Begoña Vázquez, do Restaurante Regueiro da Cova (Verín, Ourense), que realizará dous pases en horario de 13,30 a 15,00 horas. O sábado 5 de xullo, a chef Iria Espinosa (1 Estrela Michelín, dous soles Repsol), do Restaurante Árbore da Veira e a Taberna 5 Mares (A Coruña), realizará tamén dúas demostracións en horario de 13,30 a 15,00 horas; e o cociñeiro Jorge Gago, do Restaurante A Maceta (Santiago de Compostela), encargarase da demostración das 20,30 horas. O domingo 6 de xullo será a quenda do chef Héctor López (dous soles Repsol), do Restaurante España (Lugo) que se encargará dos dous showcookings que terán lugar ás 13,30 e ás 15,00 horas.

Ademais destes showcookings, a programación de Artesanía no Prato contará nesta edición cunha demostración de coctelería a cargo de Willy Gómez (O Carballiño), para a que se empregarán pezas da colección O mundo do revés. Coctelería peliqueira, coa que a ceramista Laura Delgado gañou o Premio Artesanía de Galicia 2022. Esta demostración terá lugar o venres 4 de xullo a partir das 19,00h. Para poder asistir a calquera destas actividades de Artesanía no Prato é preciso inscribirse previamente no teléfono 692843313, en horario de 9,00 a 14,00 horas, ou no correo electrónico info@comunic-artecomunicacion.com.

Deseño e elaboración de útiles para a mesa

Na programación de cursos de formación que requiren inscrición previa inclúese o curso de Deseño e elaboración de útiles para a mesa, que impartirá Santiago Besteiro, especializado en marroquinería e gañador do Premio Emprendemento nos Premios Nacionais de Artesanía 2022. Nesta actividade, para a que están xa todas as prazas esgotadas, as persoas asistentes aprenderán a crear diferentes utensilios con materiais coma o coiro, a madeira e o esparto.

O Corazón da Artesanía é un encontro multidisciplinar e orientado a amosar, poñer en valor, enxalzar e contribuír ao desenvolvemento integral dos nosos oficios artesanais, especialmente dos máis tradicionais, dos valores da artesanía e da nosa marca Artesanía de Galicia, así como doutros produtos gourmet. Na edición deste ano está previsto que participen un total de 57 artesáns de 26 oficios diferentes, entre os que se atopan 42 expositores de produtos de Artesanía de Galicia – aos que se lles suma Álvaro Pin, máis coñecido coma o Florencio dos Barreiros, que está facendo unha demostración de zocas – e 14 docentes dos diferentes cursos especializados e obradoiros abertos, xunto con 33 empresas de produtos gourmet, 24 das cales contan co selo de Artesanía Alimentaria.
Ademais dos expositores, que farán tamén demostracións en vivo, nos Pendellos poderanse atopar obradoiros abertos para o público adulto e infantil, cursos de formación especializada e showcookings a cargo de prestixiosos cociñeiros que presentarán os seus menús en pezas de Artesanía de Galicia. O horario de apertura da feira é de 11,00 a 14,00h e de 16,00 a 21,00 horas.

Publicacións Relacionadas