O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participa como membro da Asemblea Rexional Euromediteránea na reunión da asemblea xeral en Palermo
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na reunión da sesión plenaria da Asemblea Rexional Euromediteránea (Arlem) na localidade italiana de Palermo.
O punto central desta sesión plenaria da ARLEMfoi o debate sobre o novo Pacto para o Mediterráneo,no que os membros fixeron fincapé na necesidade de implicar ás autoridades locais e rexionais (ALR) como socios clave na procura de solucións sostibles e participativas.
Neste sentido, o director xeral salientou a importancia de afondar na cooperación transfronteiriza no ámbito mediterráneo. Segundo Gamallo, a ampla tradición europea en cooperación transfronteiriza é un valor clave que debe servir para ampliar a colaboración cos socios da ribeira sur e oriental do Mediterráneo. “Arlem debe afondar en accións de cooperación transfronteiriza en programas e proxectos como a resiliencia hídrica, a seguridade alimentaria e o apoio á mocidade”, subliñou.
Galicia en Arlem
A Asemblea Rexional Euromediterránea está formada por representantes locais e rexionais da Unión Europea e dos seus socios mediterráneos. Foi creada en 2010 polo Comité Europeo das Rexións (CdR) para que estes actores da UE e os seus homólogos da Unión polo Mediterráneo (UpM) manteñan diálogos políticos e promovan a cooperación interrexional.



