- A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático trasladará estas iniciativas a vindeira semana durante a reunión do grupo de traballo para a xestión desta especie
- O Executivo galego insiste na necesidade de que os ministerios de Agricultura e de Transición Ecolóxica coordinen as actuacións a nivel nacional nunha conferencia sectorial urxente
A Xunta proporá, no marco da próxima reunión do grupo de traballo para a xestión do xabaril, e ante a aparición de casos de Peste Porcina Africana (PPA) en Cataluña, habilitar novas medidas de control cinexético sobre esta especie, que complementen ás que xa están en marcha -desde batidas á instalación de gaiolas trampa- así como bonificar as taxas a aqueles Tecores que realicen capturas por riba do cupo establecido.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático exporá estas propostas o martes da vindeira semana no foro que preside e que se reúne periodicamente para avaliar a situación do xabaril en Galicia.
O grupo de traballo para a xestión desta especie está integrado por representantes das administracións titulares de estradas en Galicia (Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e Axencia Galega de Infraestruturas); da Garda Civil de Tráfico e de Seprona; da Unidade de Policía Adscrita de Galicia; das Consellerías do Medio Rural e de Sanidade; da Fegamp; da Federación Galega de Caza; das sociedades de caza; e dos sindicatos e organizacións agrarias (Unións Agrarias, Asaga e Sindicato Labrego Galego).
Por unha banda, desde a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático defenderase a posibilidade de incorporar novas modalidades cinexéticas que permitan reforzar o control sobre o xabaril. En concreto, proporase levar a cabo a coñecida como caza ao salto, que realiza unha persoa, con ou sen auxilio de cans; caza ao rececho, modalidade tamén individual pero neste caso sen cans; e caza en man, con cuadrillas máis reducidas que nas batidas, de ata seis persoas, cun máximo de tres cans por participante.
Por outra banda, estase levando a cabo por parte das Direccións Territoriais da Consellería unha valoración dos Tecores que cumpren integramente o cupo de capturas asignado -máis dun centenar-. Neste sentido, instarase aos titulares de terreos cinexéticos localizados nas zonas cun maior número de granxas porcinas que aínda non cubriran o seu límite de exemplares capturados a que o fagan.
Cómpre lembrar que os Tecores dispoñen dun plan de ordenación cinexética onde se establece o número de exemplares que se prevé cazar na tempada en curso. Neste senso, como se exporá na reunión do vindeiro martes, estudiarase bonificar as taxas a aqueles que realicen capturas por riba do cupo establecido.
Conferencia Sectorial
Ante a aparición de casos de PPA en Cataluña, a Xunta insiste en que, tratándose dun problema de índole nacional, as accións a implementar e o esforzo económico correspondente non poden proceder unicamente das comunidades autónomas. Así, o Executivo galego xa solicitou a convocatoria inmediata dunha Conferencia Sectorial específica e conxunta, con participación dos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
A convocatoria desta conferencia é fundamental para coordinar a nivel nacional as actuacións en relación con esta problemática, co obxectivo final de que sexan homoxéneas naquelas cuestións que afectan a todo o país. Cómpre lembrar, así mesmo, que o Goberno central mantén contraída unha débeda coas comunidades autónomas, noutros ámbitos da xestión da fauna salvaxe (concretamente, no caso de Galicia, 12 millóns de euros correspondentes cos fondos do lobo dos anos 2022, 2023 e 2025).
En todo caso, os traballos de xestión do xabaril han de levarse a cabo en continuo, como ven facendo a Xunta desde hai anos. O Goberno galego ten adoptadas medidas de control, como a declaración da emerxencia cinexética -en vigor, actualmente, ata o 22 de febreiro-, ou a autorización da súa captura durante case todo o ano mediante distintas fórmulas adicionais ao período ordinario de caza.
De feito, a emerxencia cinexética, coa que Galicia se situou á vangarda na xestión do xabaril a nivel nacional, adoptouse por primeira vez en 2019 e, tralo recurso dunha organización ecoloxista, foi avalada pola Xustiza autonómica. Este conxunto de medidas permitiu que nos últimos cinco anos se cazasen na comunidade preto de 92.000 exemplares.



