HomeXunta de GaliciaA Xunta protexe os intereses de Galicia no debate orzamentario da Unión...

A Xunta protexe os intereses de Galicia no debate orzamentario da Unión Europea

- Anuncio -spot_img

— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu hoxe o padroado da Fundación Galicia Europa, no que tamén participou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos

— O padroado da entidade que exerce a representación autonómica ante a Unión Europea aprobou o plan de actuacións anual, así como a incorporación efectiva das deputacións provinciais de Ourense e Pontevedra

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, presidiu hoxe o padroado da Fundación Galicia Europa (FGE), no que tamén participaron o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos,  e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. No encontro aprobouse o plan de actuacións desta entidade para o ano próximo, que se centrará na negociación do marco financeiro plurianual da UE 2028-2034.

Xa dende o ano pasado a FGE traballa en coalición con outras rexións europeas en Bruxelas para defender o papel das rexións como responsables de deseñar e xestionar as actuacións que financiarán eses fondos. Nesta liña, en setembro, a entidade elaborou un documento de posición que foi aprobado pola delegación española do Comité Europeo das Rexións o pasado mes en Santiago de Compostela. Nel advertíase de que os novos plans nacionais poderían provocar unha excesiva centralización das decisións e poñer en risco o principio de cohesión territorial da Unión Europea.

Cómpre lembrar que, o pasado xullo, a Comisión Europea presentou a súa proposta, coa principal novidade da posta en marcha de plans únicos por país para executar os fondos de cohesión, agricultura e pesca. Non obstante, a presión exercida sobre as institucións comunitarias deron como resultado que onte mesmo a Comisión Europea se mostrase aberta a realizar cambios na súa proposta para dar resposta ás demandas das rexións, algo moi excepcional no debate comunitario.

Incorporacións das deputacións de Ourense e Pontevedra

Na xuntanza, aprobouse de facto a incorporación das deputacións provinciais de Ourense e Pontevedra ao padroado. O conselleiro Diego Calvo incidiu na importancia de que, a partir de agora, as catro deputacións galegas formen parte da FGE, o que, salientou, reforzará a dimensión local na actividade da entidade.

A maiores, abordouse o programa de bolsas de formación para graduados universitarios co que conta a Fundación Galicia Europa. Actualmente leva a cabo o proceso de selección dunha bolsa para especializarse na política europea de I+D+i e, a finais de ano, convocará outra bolsa de formación no eido da comunicación dos asuntos europeos. Os bolseiros realizarán prácticas na oficina de Bruxelas durante case un ano. Por outra banda, o programa TecEuropa de especialización en financiamento comunitario continuará con dúas edicións presenciais en Bruxelas.

Fundación Galicia Europa

Este ente instrumental do sector público autonómico actúa dende 1988 como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. A Lei 10/2021 reguladora da acción exterior de Galicia recolle o seu mandato para “exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado”. O seu padroado está formado pola Xunta de Galicia, Abanca, o Consorcio da Zona Franca de Vigo e as Deputacións da Coruña e Lugo, ás que agora se sumarán as de Ourense e Pontevedra.

A FGE centra o seu traballo en catro eixos : a defensa dos intereses galegos ante a UE, o fomento da participación galega en proxectos europeos, a información e formación sobre a UE en Galicia, e unha plataforma virtual de información europea para a mocidade “EuroXuventude”. A entidade conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das máis de 200 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Publicacións Relacionadas