- As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes para participar a partir de mañá e o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de decembro á medianoite
- A finais de xaneiro realizarase un único sorteo en cada provincia, que incluirá os permisos de troita, reo, pesca intensiva e pesca sen morte
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se fixan as normas dos sorteos e da venda de permisos de pesca en coutos de cara á tempada 2026.
Nesta ocasión realizarase un único sorteo por provincia para os permisos de troita, reo, pesca intensiva e pesca sen morte. A data prevista para a realización do sorteo é o vindeiro 27 de xaneiro de 2026 ás 12,00 horas.
As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá, e o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 30 de decembro ás 24,00 horas. Deste xeito, o 9 de xaneiro publicaranse as listas provisionais coas persoas excluídas e admitidas no proceso e o 20 de xaneiro sairán as definitivas.
As solicitudes deberanse presentar preferentemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta. De forma opcional, tamén se poderán presentar as solicitudes en papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei de procedemento administrativo común.
Cada participante só poderá figurar nunha solicitude individual ou nun grupo para cada un dos sorteos. Os resultados poderán consultarse na web de pesca fluvial e nos servizos provinciais de Patrimonio Natural. Ademais, cada solicitante deberá consultar na citada páxina o día e rango horario no que lle corresponderá escoller os permisos.
Na fase de escolla dos permisos, os solicitantes poderán optar a participar empregando a vía telemática ou ben mediante unha chamada aos teléfonos que lles serán indicados durante o desenvolvemento do procedemento.
No prazo de 5 días naturais, contados desde a data da escolla, os permisos seleccionados deberán ser pagados nunha entidade bancaria ou de xeito telemático. Nos casos nos que non se retiren os permisos persoal nin por vía telemática, poderase xustificar o seu pago mediante o envío por correo electrónico da copia para a Administración do impreso de liquidación debidamente formalizado.
Aquelas persoas que no prazo fixado non realicen o pago dos permisos reservados en tempo e forma, entenderase que renuncian á súa participación na fase de escolla, e non poderán adquirir novos permisos na aplicación informática durante o resto da tempada de pesca, agás circunstancias de forza maior documentalmente acreditadas. No caso de realizar o pagamento dos permisos reservados fóra do prazo establecido, habilitarase o acceso á aplicación informática na fase de venda libre.
Asignación dos permisos sobrantes
Nas oficinas provinciais de Patrimonio Natural manteranse os servizos de información e expedición de permisos. O regulamento de pesca continental establece que se sortearán entre os pescadores que así o soliciten os permisos sobrantes, despois de adxudicados aqueles reservados para turismo, concursos deportivos oficiais e para entidades colaboradoras.
Por último, cómpre lembrar que na anterior tempada de pesca tramitáronse un total de 3.062 solicitudes de pescadores para participar nos sorteos -tamén se facía para o salmón, que a vindeira tempada estará vedado-, sendo adxudicados preto de 6.100 permisos para pesca en coutos de Galicia.



