- Anunciouno o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, quen visitou Monforte de Lemos para coñecer as melloras previstas ao abeiro da anterior orde desta liña de axudas
- A medida, cofinanciada con fondos Feder, vai dirixida a municipios de menos de 30.000 habitantes que fagan melloras dos sistemas de illamento, iluminación e climatización, calefacción e auga quente sanitaria
- As achegas autonómicas cubrirán ata o 80% do gasto, cun límite de 120.000 euros
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou a Casa da Cultura de Monforte de Lemos para coñecer as melloras previstas ao abeiro da liña de axudas plurianual para obras de eficiencia enerxética nas infraestruturas vinculadas a servizos municipais. Durante a visita, o conselleiro anunciou a publicación hoxe no Diario de Galicia da nova convocatoria para o período 2025-2026, cun orzamento de 5 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder.
Segundo explicou, a medida diríxese aos concellos de menos de 30.000 habitantes e permitirá cubrir ata o 80% dos gastos de melloras en illamento, iluminación interior e climatización cun límite de 120.000 euros.
Así, fináncianse obras de mellora das envolventes térmicas, illamentos en cubertas e fachadas, e a instalación de carpinterías exteriores ou acristalamentos con boas características térmicas. Tamén son subvencionables as obras para contar con iluminación eficiente no interior dos edificios, así como para a colocación de sistemas de control e regulación da iluminación artificial, da intensidade e o acendido. Outra das melloras refírese á climatización, calefacción e sistemas e auga quente sanitaria, que poderán incluír fontes de enerxía renovable. O importe da actuación debe oscilar entre os 60.000 e os 150.000 euros.
Concretamente na Casa da Cultura de Monforte de Lemos, prevese actuar nos tres eixes. Mellorarase a envolvente térmica, coa renovación da carpintería exterior na fachada principal, a climatización, coa substitución da instalación de calefacción por un sistema de bomba de calor que permita a tamén xeración frío no verán, e a iluminación, coa colocación de luminarias con tecnoloxía LED. A achega da Xunta ascende a 117.000 euros.
Diego Calvo sinalou que o obxectivo de apoiar proxectos coma este é contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027. Búscase tamén facilitarlles aos concellos galegos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais. A través da medida impúlsase ademais a reactivación económica dos sectores implicados nas obras e refórzase o efecto exemplarizante das actuacións da Administración.
Os proxectos que opten ás axudas deben ser de execución plurianual, dunha única fase e non poderán estar comezados antes da presentación da solicitude. As administracións locais beneficiadas deberán acreditar unha redución mínima inicial do 20% do consumo anual de enerxía primaria non renovable e de nas emisións de gases de efecto invernadoiro.
Os concellos quedesexen acollerse a esta orde deberán presentar as súas solicitudes por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O prazo para facelo é dun mes a partir de mañá.
Medio cento de entidades beneficiarias
A convocatoria destas axudas publicouse por vez primeira o pasado ano, para o período 2024-2025, e beneficiou máis de medio cento de entidades locais que puideron mellorar a eficiencia enerxética das súas casas do concello, casas da cultura, centros socioculturais, polideportivos, escolas e outros edificios de titularidade municipal. Na provincia da Coruña houbo 17 concellos beneficiarios, que se distribuíron case 1,7 millóns, e na de Ourense 15 con case 1,5 millóns de euros financiados. En Pontevedra, 10 municipios recibiron algo máis dun millón de euros, e en Lugo en nove localidades repartíronse preto dun millón de euros.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes lembrou que, ademais desta liña, están abertas tamén as convocatorias da Orde de infraestruturas de uso público, dotada con 3,5 millóns de euros, e do Fondo de Compensación Ambiental, que conta con máis de 11 millóns de euros. A elas súmase o apoio a través do Fondo de Cooperación Local, que este ano medra ata 168 millóns de euros, e a liña para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, da que se prevé unha nova convocatoria dotada con 8,5 millóns de euros.
Monforte de Lemos beneficiouse do conxunto das medidas de apoio ao eido local nos últimos anos con achegas que suman preto de 300.000 euros.