- O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe as resolucións de ambas as liñas
- A convocatoria publicada en 2023 destinada á modernización e dixitalización acada os 6,2M€ e nas dirixidas á transformación o crédito inicial incrementouse en varias ocasións ata chegar aos 34,8M€
O Diario Oficial de Galicia
publica hoxe a relación das axudas concedidas pola Xunta para a transformación de frotas de transporte de viaxeiros e mercadorías de empresas privadas de servizos de transporte por estrada entre xuño e agosto e as subvencións outorgadas entre xaneiro e agosto para a súa modernización e dixitalización. Entre ambas as dúas suman 132 subvencións por importe de 725.000 euros.
Por unha parte, no que se refire ás axudas á transformación, trátase da undécima publicación en relación cos expedientes concedidos no marco da Orde de marzo de 2022, que regula estas axudas, co obxecto de favorecer a descarbonización e a aposta por tecnoloxías verdes no transporte por estrada. A medida contou cun crédito inicial de case 13 millóns de euros que, ante a boa acollida da iniciativa, foi incrementado en catro ocasións ata acadar un total de case 35 millóns.
A convocatoria enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, agás a cuarta e última ampliación dos fondos, que se realizou a cargo dos Orzamentos Xerais do Estado, por catro millóns de euros.
Estas axudas abranguen catro liñas de actuación diferentes: o achatarramento de vehículos; a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono; a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos; o retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.
Por outra parte, as axudas destinadas á modernización e dixitalización da frota enmárcanse na convocatoria publicada en abril de 2023 que, neste caso, está dotada con máis de 6,2 millóns de euros, financiados ao abeiro dos fondos europeos NextGeneration.
O obxectivo destas iniciativa é incrementar a eficiencia destas empresas e do sistema de transporte por estrada, mediante a dixitalización, a sustentabilidade, a conectividade, a renovación dos sistemas e a introdución de novas tecnoloxías no sector.
Así, dentro das distintas categorías de solucións de modernización das empresas do sector, das 131 axudas concedidas nesta sétima, 119 van dirixidas á implantación de sistema de tacógrafo intelixente de segunda xeración, seis destináronse á integración de documentos de control electrónicos nos sistemas de xestión, catro para a implantación de sistemas TMS/ERP, unha para Implantación de sistemas SAE e outra para axuda aos servizos de transporte de viaxeiros.

