- O documento inclúe unha revisión de riscos, adáptase á nova normativa básica de Protección Civil e actualiza datos das redes de alerta
- Redúcense os concellos con obriga de contar con plan municipal para este risco e medran os casos nos que se considera recomendable
- A través do Inungal establécese o marco de coordinación dos servizos de emerxencias para diminuír os riscos e minimizar as consecuencias
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a publicación do Plan especial de protección civil ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal), que integra os novos estudos de risco, unha vez aprobados os plans de xestión de risco que elaboran os organismos de cunca. Trátase da segunda revisión desde a súa aprobación en 2001, tras recibir o informe favorable do pleno da Comisión Galega de Protección Civil e da Comisión Permanente do Consello Nacional de Protección Civil. A revisión foille tamén remitida á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para que dese traslado aos concellos co obxectivo de acadar o máximo consenso posible.
Como novidades, actualízase a análise de riscos integrando os estudos de demarcacións hidrográficas; adáptase á nova norma básica de protección civil e actualízanse os datos das redes de alerta integrando o Modelo de Avaliación do Risco Local de Inundación (Merlin de Augas de Galicia). Ademais, o estudo de risco conclúe que se reduce o número de concellos obrigados a elaborar e redactar o plan municipal para este risco, ao pasar de ser obrigatorio en 62 a 51. Pola contra, aumentan de 29 a 45 os casos nos que se considera recomendable.
Así, na provincia da Coruña hai 15 concellos con obrigatoriedade de ter plan e 22 nos que se recomenda. No caso de Lugo son nove con obriga e outros nove con recomendación, e no de Ourense, 13 e dous, respectivamente. Pola súa banda, Pontevedra suma 14 municipios obrigados e 12 con recomendación.
Minimizar riscos por asolagamentos
O Inungal establece a organización e os procedementos de actuación dos recursos e servizos cuxa titularidade lle corresponda á Xunta, e os que poden ser asignados a este por outras administracións, co obxectivo de minimizar os riscos nas zonas asolagadas ou previr e reducir no posible os accidentes e os danos acontecidos mediante a mobilización de medios de evacuación e de asistencia sanitaria e de lugares de aloxamento para os evacuados, así como de mecanismos de restauración das vías de comunicación e servizos básicos afectados.
Este plan conta cos estudos de riscos por inundacións costeiras, fluviais e pluviais, incluíndo tamén os elaborados polos organismos de cunca. Tamén establece en base ao nivel de risco cales son os concellos que deben ter un plan de actuación municipal fronte estas incidencias.
O plan estrutúrase en cinco capítulos: fundamentos, análise de riscos, estrutura e organización, operatividade e implantación e mantemento. Neste último, recóllense as accións a desenvolver para que o documento sexa operativo e coñecido por todos os recursos que deben intervir na emerxencia. Unha vez implantado, o plan pasa á fase de mantemento da operatividade coa finalidade de garantir que as actuacións previstas permanecen vixentes.
Coordinación dos servizos de emerxencias
Así, a Xunta a través do Inungal establece o marco de coordinación dos servizos de emerxencias para diminuír os riscos e reducir as consecuencias negativas das inundacións.
O Goberno galego tamén apoia aos concellos para que podan elaborar ou actualizar os seus plans a través da entrega de manuais de resposta fronte inundacións, unha ferramenta que lles permite planificar as actuacións neste eido. No marco destes protocolos cos municipios, o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia mantén actualizados os procedementos de actuación ante alertas hidrolóxicas e meteorolóxicas. Do mesmo xeito, a Xunta mantén a mesma coordinación e planificación no que se refire aos protocolos de comunicación cos 4 organismos de bacía co obxectivo de garantir a eficacia dos seus plans de xestión.

