HomeXunta de GaliciaA Xunta publica os festivos locais dos concellos das catro provincial galegas...

A Xunta publica os festivos locais dos concellos das catro provincial galegas para o ano 2026

- Anuncio -spot_img
  • O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que detalla por municipios as datas festivas
  • A normativa estatal fixa 14 festivos, deles 12 marcados polo Estado e dous elixidos polos municipios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que dá publicidade ás festas laborais de carácter local para o ano 2026 en Galicia inhábiles para os efectos laborais, retribuídas e non recuperables. A normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello e veñen especificados na resolución.

En canto ás sete grandes cidades, os festivos locais marcados na Coruña son o 17 de febreiro (martes de Entroido) e o 7 de outubro (festividade do Rosario); en Ferrol, o 7 de xaneiro (festividade de San Xiao) e o 6 de abril (Nosa Señora de Chamorro); e en Santiago de Compostela, o 17 de febreiro (martes de Entroido) e o 14 de maio (Ascensión).

No caso de Lugo, os festivos elixidos son o 17 de febreiro (martes de Entroido) e o 5 de outubro (San Froilán), mentres en Ourense tamén escollen o 17 de febreiro e logo optan polo 11 de novembro (San Martiño). En relación coa cidade de Pontevedra, as datas de festas laborais serán o 18 de febreiro (Mércores de Cinza) e o 11 de xullo (San Bieito). Pola súa banda, Vigo terá como festivos locais o 28 de marzo (festa da Reconquista) e o 17 de agosto. 

Resto de festivos

Dos outros 12 festivos restantes, á marxe dos locais, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo, 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2026 hai dous festivos nacionais de carácter obrigatorio que coinciden en domingo: o 1 de novembro e o 6 de decembro, que son substituídos polo 19 de marzo e 24 de xuño.

Os outros tres festivos de carácter nacional son opcionais, é dicir, poden ser substituídos polas comunidades autónomas: o 6 de xaneiro, que en Galicia nunca se cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2026 se celebrará o 2 de abril), que na Comunidade galega non se modifica de xeito tradicional; e dáselle a opción ás comunidades de escoller como opcional entre o 19 de marzo e o 25 de xullo. A Xunta sempre elixe o 25 de xullo, xa que é o Día Nacional de Galicia, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.

Ligazón á resolución  no DOG:  

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251030/AnuncioG0767-221025-0001_gl.html

Publicacións Relacionadas