A Xunta reafirma o compromiso estratéxico co fortalecemento do emprego autónomo e o impulso do emprendemento ligado ao territorio

adminON
Lectura mínima de 6

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, compareceu esta mañá na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos para informar sobre o impulso estratéxico do emprego autónomo en Galicia e facer balance das liñas de axudas implantas desde a Conselleria de Emprego, Comercio e Emigración a prol deste colectivo prioritario.

O secretario xeral destacou na súa intervención que, segundo os datos máis recentes, o peso dos autónomos en Galicia é de preto do 20 % con respecto á poboación afiliada, case 4 puntos máis que a media nacional. Así, a Comunidade conta con 211.075 autónomos no RETA —incluído o Réxime especial do Mar—, experimentando un ascenso en febreiro de 2025 respecto do mes anterior. Ademais sinalou que seguimos a posicionarnos como a comunidade na que as mulleres teñen máis peso neste réxime, un 40,77 % sobre o total de afiliacións. Así mesmo, salientou a fortaleza de Galicia neste eido, indicando que a poboación afiliada ao RETA despois de 5 anos ou máis supera de novo a media estatal —un 67,83 % do total das afiliacións fronte ao 61,62 % do resto de España—.

Pablo Fernández fixo fincapé na aposta do Goberno galego para potenciar o emprendemento e o traballo por conta propia como unha prioridade clave e un motor fundamental de xeración de riqueza e de emprego de calidade. Neste senso, destacou que desde o Executivo autonómico se continúa avanzando na execución da Estratexia Impulso Autónomo Horizonte 2027, dotada con máis de 360 millóns de euros, e cun completo paquete de medidas a prol dos autónomos, da que xa se levan implementado arredor do 40 % apostando polo diálogo e a colaboración permanente co sector a través da Mesa do Emprego Autónomo.

Ademais, indicou que este mes de xaneiro —como novidade— se lanzou a orde unificada de axudas para autónomos, coa finalidade de axilizar a súa tramitación e avanzar na simplificación administrativa, dotada con máis de 40M€ e con cinco programas de axudas. Deste xeito, os programas de achegas que inclúe esta convocatoria única van desde o inicio da actividade —como o programa de promoción do emprego autónomo e da cota cero— aos de consolidación e mantemento da actividade –Bono Autónomo e Bono Remuda—. Tamén incorpora os apoios á conciliación e o Bono Nova Oportunidade. Entre as novidades da orde conxunta e, dentro da aposta por facilitar a transmisión de negocios rendibles para favorecer a vertebración do territorio, salientou o Bono Remuda que engade —ás xa incluídas para quen asume o relevo— axudas para quen decide deixar o negocio. A achega é de 6.000 € para os negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes ou de 3.000 € para os ubicados en municipios de máis de 10.000 habitantes.

Trátase da primeira vez que o Executivo galego publica nunha orde conxunta todas as axudas específicas para as persoas traballadoras autónomas dentro dunha folla de ruta que se complementa con outros apoios como os destinados á contratación indefinida por parte do colectivo e ás asociacións de autónomos.

O secretario xeral salientou, ademais, que a Xunta é a segunda comunidade autónoma cun maior número de convocatorias de achegas ao emprego en 2024, representando un 7,85 % do total das axudas publicadas en todo o Estado.

Impulso do emprendemento ligado ao territorio

O secretario xeral incidiu tamén na aposta estratéxica que está a realizar a Xunta a favor do emprendemento ligado ao territorio, co obxectivo de incrementar a calidade dos proxectos e a súa vinculación coa contorna na que se integran.

A este respecto, reafirmou o apoio e acompañamento gratuíto que ofrecen as 15 oficinas activas da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego —unha das medidas que levaron a Galicia a recibir o premio Rexión Emprendedora Europea 2025— coa que se pretende contribuír á xeración de novo emprego en Galicia e que xa atendeu máis de 3.500 proxectos desde a súa posta en marcha.

Comparte este artigo