- A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, participa na localidade ourensá de San Cibrao das Viñas na clausura da VII Xornada Cadea de subministro aeronáutica española, organizada por TEDAE e ASIME
- O encontro, no que Ardao avanzou que a Xunta lanzará proximamente novas convocatorias de axuda dirixidas a pemes, reuniu a representantes de grandes empresas do sector como Airbus, ITP Aero, Aernnova, Aciturri ou Delta Vigo, xunto a pemes galegas da cadea de subministro
A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, interveu hoxe no Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- na clausura da VII Xornada Cadea de subministro aeronáutica española, promovida pola Asociación Española de Empresas Tecnolóxicas de Defensa, Seguridade, Aeronáutica e Espazo (TEDAE) e por ASIME, onde reafirmou o apoio da Xunta de Galicia ao sector aeronáutico e destacou a súa achega como motor de creación de emprego cualificado e de crecemento industrial na rexión.
Ardao sinalou que Galicia conta cun ecosistema industrial aeronáutico e aeroespacial sólido e recoñecido, que inclúe desde grandes fabricantes con presenza internacional ata empresas especializadas en mecanizado, estruturas, sistemas de control e mantemento; e engadiu que firmas como Delta Vigo, COASA, UARX Space ou Kreios Space son mostra de que a comunidade ocupa xa un lugar destacado na cadea de valor mundial do sector, xerando emprego de alta cualificación e exportando capacidade tecnolóxica en mercados de máxima esixencia.
O apoio da Xunta de Galicia ao sector aeronáutico e aeroespacial ten máis dunha década de percorrido, que agora se consolida coa Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo (IESDA), ampliándose ata 2030. A directora xeral destacou que o novo contexto xeopolítico e tecnolóxico representa unha oportunidade real para as empresas galegas e lembrou que investir en seguridade, defensa e aeroespazo é tamén investir en prosperidade, en capacidade tecnolóxica e en tecido industrial.
O encontro reuniu na localidade ourensá de San Cibrao das Viñas a representantes das principais empresas do sector, entre elas Airbus, ITP Aero, Aernnova, Aciturri e Delta Vigo, xunto a pemes galegas de referencia na cadea de subministro.
Ardao lembrou ademais dous instrumentos impulsados pola Xunta no marco da Iniciativa Estratéxica e dirixidos ás pemes: as axudas para a certificación como provedoras do sector da seguridade e a defensa —abertas ata o 13 de maio, cun orzamento de 1,5 millóns de euros e ata 75.000 euros por empresa—; e o Programa Executivo en Industria de Defensa en Galicia, desenvolvido coa colaboración da Escola de Organización Industrial, que rexistrou un elevado número de solicitudes que levou á próxima convocatoria dunha segunda edición. Neste sentido, a directora xeral avanzou que proximamente se lanzarán novas convocatorias para reforzar o posicionamento das pemes galegas no sector.
Colaboración con TEDAE
A directora xeral destacou o valor do acordo de colaboración que a Xunta mantén desde hai case un ano con TEDAE e reafirmou o compromiso do Goberno galego como socio activo do sector a través de políticas estables, instrumentos financeiros concretos e colaboración permanente cos axentes industriais.

