— Entre os 17 espectáculos finalistas figura a produción do Centro Dramático Galego ‘A serie clopen’, con 10 candidaturas
— A cerimonia de entrega dos galardóns estará dirixida por Gloria Rico e recoñecerá co premio Marisa Soto a traxectoria da actriz Luma Gómez
O sector teatral galego volverá reunirse o vindeiro mércores 8 de abril no Teatro Rosalía de Castro da Coruña para celebrar a trixésima edición dos Premios de Teatro María Casares, que contan un ano máis co apoio económico da Xunta de Galicia. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da gala de entrega organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, na que se lle renderá homenaxe ao dramaturgo e actor Manuel Lourenzo e recibirá o premio de honra Luma Gómez.
Na súa intervención, o representante da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o valor destes galardóns como escaparate da creatividade, da diversidade e da fortaleza do teatro galego, ao tempo que puxo o foco na súa relevancia para dotar de visibilidade diante da sociedade o labor das compañías, dos elencos e dos diferentes oficios escénicos. Tamén felicitou as formacións e profesionais finalistas nesta edición, na que compiten 17 montaxes en 16 categorías, así como a Luma Gómez pola súa dilatada carreira sobre as táboas.
Así mesmo, cualificou o eixo condutor da gala de “merecido tributo” a Manuel Lorenzo, a quen se referiu como “un dos máximos expoñentes do teatro galego de todos os tempos”, Premio Nacional de Artes Escénicas en 2008 e último Premio da Cultura de Galicia na categoría de Artes Escénicas, de quen lembrou que tivo no texto para Nada se sabe, coprodución do Centro Dramático Galego con Culturactiva, un dos seus últimos traballos.
Excelencia escénica
Jacobo Sutil incidiu en que os Premios María Casares constitúen “unha cita fundamental para recoñecer a excelencia da nosa creación escénica e para poñer en valor o traballo colectivo que hai detrás de cada espectáculo, desde a dramaturxia, a interpretación ou a dirección ata os ámbitos técnicos e artísticos que fan posible o feito teatral”. Neste contexto, subliñou que “o compromiso do Goberno galego co sector tradúcese tamén no apoio a iniciativas consolidadas e representativas como estes premios, que chegan á súa trixésima convocatoria convertidos nun símbolo do talento, da profesionalización e da capacidade de renovación das artes escénicas en Galicia”.
Entre os espectáculos con máis candidaturas nesta edición figuran Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, con 11 finalistas; A serie clopen, primeira proposta de circo do Centro Dramático Galego, con 10; e TROMSØ, de Morraoconto, con sete. No caso da montaxe da compañía de teatro pública galega, compite en categorías como mellor espectáculo, dirección (Pablo Reboleiro), dirección de movemento (Marta Alonso Tejada), actriz protagonista (Natalia “Pajarito”), texto orixinal (Clara Gayo e Pablo Reboleiro), espazo sonoro (Marcos PTT e Xosé Lois Romero), iluminación (Laura Iturralde), espazo escénico (Laura Iturralde e José Faro), vestiario (Carlos Alonso) e maquillaxe (Erea Pérez).
Ademais, a xunta directiva concedeulle este ano o Premio de Honra Marisa Soto á actriz Luma Gómez, á que define como unha figura esencial do teatro galego e do movemento asociativo profesional pola súa traxectoria artística e polo seu compromiso continuado coa profesión. O momento da súa entrega á integrante durante décadas de Teatro do Noroeste será un dos momentos máis sinalados da gala.
Celebrar a Manuel Lourenzo
A cerimonia deste ano estará dirixida por Gloria Rico e tomará como fío condutor a figura e a obra de Manuel Lourenzo, histórico dramaturgo, actor e referente indispensable da cultura galega, falecido o pasado verán. Segundo declaracións da directora, o espectáculo concíbese non desde a melancolía, senón desde a celebración da súa vida, da súa traxectoria e do seu legado artístico e humano.
O equipo artístico da gala reúne a Arantza Villar, Carlos Mosquera ‘Mos’, María Barcala e Roberto Leal, xunto ao cuarteto musical formado por Josito Porto, Carlos Arévalo, Rafa Otero e Sabela Dacal. A posta en escena incorporará distintos elementos simbólicos vinculados ao universo de Lourenzo e á idea dunha festa popular arredor da súa memoria e da súa contribución ao teatro galego.



