HomeA CoruñaA Xunta realiza labores de conservación en máis de 6,5 quilómetros de...

A Xunta realiza labores de conservación en máis de 6,5 quilómetros de varios ríos, no concello de Cariño

- Anuncio -spot_img

As tarefas que realiza Augas de Galicia no municipio coruñés prolongaranse durante arredor de oito semanas e inclúen a retirada tanto de árbores caídas como de biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento en varios tramos que suman máis de 6,5 quilómetros de varios ríos do concello coruñés de Cariño.

En concreto, actuarase nun tramo de 2,1 quilómetros do río Seixo de Landoi ao seu paso pola parroquia de San Pedro de Feás e noutro de case 1,9 quilómetros no río Morela en Santa María da Pedra. Nesta parroquia tamén se acometerán traballos nun tramo de medio quilómetro nun rego innominado.

A maiores, executaranse actuacións no río Garita -1,2 quilómetros nas parroquias de Santo Estevo de Sismundi e Santiago de Landoi- e no río Cariño – preto de 900 metros-, ao seu paso por San Bartolomeu.

As tarefas consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos así como rozas puntuais e selectivas nas zonas de acceso ao dominio público hidráulico e eliminación de especies exóticas invasoras.

Os traballos, que foron comunicados ao concello, prolongaranse durante arredor de oito semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras ao tempo que se contará co apoio doutra maquinaria de maiores dimensións, como un tractor e unha carretilla.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, este tramo fluvial quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Publicacións Relacionadas