HomeA CoruñaA Xunta realiza labores de conservación en varios ríos no concello de...

A Xunta realiza labores de conservación en varios ríos no concello de Ortigueira que suman 9,5 quilómetros

- Anuncio -spot_img

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante 9 semanas e inclúen a retirada de árbores caídas e biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, comezou a executar estes días actuacións de conservación e mantemento en varios tramos de ríos no concello de Ortigueira que suman preto de 9,5 quilómetros.

As tarefas afectan a 5,8 quilómetros do río Mera ao seu paso pola parroquia de Mera de Abaixo, onde tamén se actuará en preto de 1,5 quilómetros do río Vilariño. A maiores, tamén se realizarán traballos nun tramo de 2,2 quilómetros no río Casón na parroquia de Santo Adrao de Veiga.

As actuacións consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente nas canles fluviais para evitar atoamentos así como en labores de roza puntual de arbustos no acceso ás canles.

Os traballos, que xa foron comunicados ao concello, prolongaranse durante aproximadamente 9 semanas e realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e rozadoiras así como coa utilización dun tractor.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías da demarcación Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación.

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Publicacións Relacionadas