HomeO MorrazoBueuA Xunta realiza labores de conservación fluvial en máis de 3 quilómetros...

A Xunta realiza labores de conservación fluvial en máis de 3 quilómetros nos ríos Bispo e do Frade, en Bueu

- Anuncio -spot_img

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante arredor de oito semanas e inclúen a retirada tanto de árbores caídas como de biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en algo máis de 3 quilómetros nos ríos Bispo e do Frade, no concello de Bueu.

En concreto, as tarefas, que xa foron comunicadas ao concello e que se prolongarán durante arredor de oito semanas, desenvolveranse en 1,3 quilómetros do río do Frade e en algo máis de 1,7 quilómetros do río Bispo ao seu paso pola parroquia de San Martiño.

Os traballos consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos, así como en labores de roza puntual no acceso e tamén se eliminarán especies exóticas invasoras. Realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras, podadoras e outras ferramentas manuais. Ademais, o persoal contará co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección. Neste caso trátase ademais do mantemento de zonas catalogadas como de alto risco potencial significativo de inundación (Arpsi).

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Publicacións Relacionadas